O programa ‘Luar’ inaugura esta noite a súa temporada 32, co reto histórico de substituír a Xosé Ramón Gayoso

0
3

Santiago, 15.09.2023.-     Este venres regresa ‘Luar’ (21:55 h) ás casas dos galegos e galegas e faino cargado de novidades na súa temporada número 32. A máis evidente, que non estará no estudio o emblemático presentador Xosé Ramón Gayoso. A TVG enfrontarse á tarefa máis complicada dos seus case 40 anos de historia: substituílo. Para facelo, levará a cabo un casting que dirixirá a presentadora Esther Estévez, que lles irá dando paso aos aspirantes: Marcial Mouzo, Fran Cañotas, Paco Lodeiro, María Mera e Noelia Rey.

Para amenizar a festa, subirán ao escenario Pasión Vega e Los del Río, ademais dunha nutrida representación do folclore galego. Pasión Vega acaba de lanzar un novo álbum, ‘Lorca sonoro’, en que se achega á simboloxía do poeta granadino. Esta noite, interpretará no escenario de ‘Luar’ un dos temas de lanzamento do traballo: ‘La tarara’. Tamén poñerá a bailar o público e a audiencia o dúo sevillano Los del Río, integrado por Antonio Romero e Rafael Ruiz, con temas como ‘Ay, Celia’ ou ‘Take it easy (yo no sé)’.

Ademais, haberá música de orquestra e estará no estudio do programa musical dos venres o Mariachi Los Charros. No apartado de música galega, os espectadores gozarán coa Banda de Gaitas Irmandade de Montevideo, a Asociación Cultural Retranqueiros e o cantareiro Mondra, mentres que o humor porano Campos e Crespo.

E, como non podía ser doutro xeito, con esta nova temporada de ‘Luar’ volve ‘Recantos’, emblemática competición de talentos musicais, que acada a súa 14ª edición. Estela Domínguez, representando O Miño, e Domingo Hernández, de Vigo, serán os primeiros participantes. Acompañaraos Mar Brey, recanteira finalista da pasada edición, que interpretará ‘Por ti voarei’.

Tamén regresan o concurso da chamada, en que os espectadores poden gañar 500 euros ou un xamón, e as seccións en que os espectadores participan do directo do programa con fotografías e intervencións telefónicas.

Fuente Crtvg.es