O programa ‘Luar’ recibe esta noite no escenario a Los del Río, Lucía Pérez e Luar na Lubre

0
11

Santiago, 24.01.2020.-   O programa ‘Luar’ recibe este venres a visita do grupo Los del Río, que encherán de arte o escenario. Tras 50 anos de carreira, con 250 discos de ouro e 120 de platino, Antonio Romero e Rafael Ruiz acoden ao programa da TVG co seu último disco editado, ‘Los del Río Tropical’.

Os espectadores gozarán, ademais, coas intervencións dunha das artistas máis queridas da nosa terra, Lucía Pérez. A cantante do Incio, primeira galega en participar en Eurovisión, interpretará algúns dos temas do seu novo álbum ‘Quince soles’, un disco íntegro en galego, con colaboracións de grandes artistas. Ademais de en solitario, actuará a dúo xunto ao cantante country portugués Zé Amaro, co que se uniu para interpretar o tema ‘Tudo se paga’.

Tamén estará esta noite no escenario Luar na Lubre, unha das bandas de referencia da música folk galega. O seu último traballo, ‘Ribeira Sacra’, ten como obxectivo poñer en valor a través da música a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental da Ribeira Sacra ourensá.

Ademais, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Beatriz Serén ofrecerá as actuacións da orquestra Xacobeo, do grupo de baile e música tradicional Sadeo, da Banda de Música de Valga e o Coro GLI Appassionati, das pandeireteiras de Maianas e da Rondalla Sonidos del Alba.

Finalmente, os ‘recanteiros de ouro’ que se enfrontarán esta semana á valoración do xurado serán Alberte Suárez, representante de Ourense norte, e Ruth Cundíns, procedente da comarca Terras de Compostela.

Fuente Crtvg.es