O programa ‘Que casas!’ amosa desde hoxe na TVG as vivendas máis fascinantes e orixinais de Galicia

0
5

Da man dos seus propietarios, os espectadores coñecerán cinco propiedades espectaculares en Ares, Muros, Xove, Noia e San Vicente do Mar

O programa ‘Que casas!’ amosa desde hoxe na TVG as vivendas máis fascinantes e orixinais de Galicia

Santiago, 22.6.2022.-  O espazo ‘Que casas!’ (23.35 h) regresa esta noite á grella da TVG para descubrir vivendas espectaculares e coñecer un pouco máis o xeito de viviren dos galegos e galegas. Da man dos seus propietarios, ‘Que casas!’ entrará nas casas máis fascinantes, singulares e orixinais de Galicia. Ademais de amosar elementos arquitectónicos, decorativos ou mesmo as contornas urbanas ou naturais das propias casas, no programa falarase de hábitos de vida, de costumes e de afeccións.

Na entrega deste mércores verase unha casa sobre rodas, desas en que se pode gozar dun xardín diferente cada día. Tamén se amosará unha vivenda que é antiga pero moderna ao mesmo tempo, e outra que foi construída no ano 1199 e que mantén toda a esencia da arquitectura tradicional galega.

Nada que ver coa casa doutra das nosas anfitroas, que deseñou, construíu e decorou a súa vivenda para poder organizar eventos nela. Por último, outra das casas que se visitarán hoxe no programa ten un muro de lousas que deixa a todo o mundo abraiado. Para ver todos estes lugares haberá que pasar por Ares, Muros, Xove, Noia e San Vicente do Mar.

Fuente Crtvg.es