O programa ‘Terra de película’ chega este venres á G2 para contar a historia do audiovisual galego

0
5

Santiago, 29.07.2021.-    A Televisión de Galicia estrea este venres na súa segunda canle ‘Terra de película’ (22.55 h), un espazo que presenta dun xeito ameno e divertido a historia do audiovisual en Galicia e os lugares onde se rodaron moitas das nosas series e películas. O proxecto conta coa participación dos protagonistas, tanto actores coma guionistas e directores, para dar a coñecer o traballo e a ilusión de todo un sector que naceu hai non moitos anos e que acadou en pouco tempo a maioría de idade e o respecto en todo o mundo.

Deste xeito, cada semana ‘Terra de película’ contará na G2 a historia das series e películas galegas, das rodaxes, os custos da fama para os protagonistas e como se desenvolveron os proxectos e a repercusión que tiveron, demostrando que contar as nosas propias historias nos fai mellores a todos.

Mediante pequenos anacos de series e películas e breves entrevistas, o espectador poderá gozar cos mellores produtos audiovisuais galegos e descubrir que realmente Galicia é unha ‘Terra de película’.

Na primeira  entrega do programa, titulada ‘A primeira marea’, amosarase como as mareas son unha forza imparable da natureza e en ningún sitio se notan máis que na Costa da Morte, onde se rodou unha das series máis importantes e vistas da historia da televisión na nosa comunidade: ‘Mareas Vivas’.

Co testemuño dos seus creadores, Antón Reixa e Carlos Ares, e dos seus protagonistas, os actores Luís Zahera, Víctor Mosqueira, Isabel Blanco, Tacho González, Sonia Castelo e Carlos Blanco, entre outros, ‘Terra de película’ contará como xurdiu a serie e descubrirá historias que moita xente non sabía.

Deste xeito, os espectadores gozarán con actores enormes que deron moitas horas de ledicia diante do televisor contando as historias de Portozás, unha pequena vila mariñeira moi semellante a Laxe. Descubrirán tamén que hai moita máis realidade da que parece detrás da ficción.

Fuente Crtvg.es