O programa ‘Vaia Troula’ vai este mércores de xira coa orquestra Panorama

0
36

Sairá por toda Galicia e tamén por fóra para descubrir os segredos mellor gardados desta mítica formación galega, unha auténtica encheestadios

O programa 'Vaia Troula' vai este mércores de xira coa orquestra Panorama

Santiago, 07.06.2023.-    ‘Vaia Troula’ (22.40 h) ofrece este mércores un programa moi bailable en que tanto a presentadora como o equipo de reporteiras sairán por toda Galicia e tamén por fóra para descubrir os segredos que fan que a Panorama sexa unha orquestra que enche estadios. Por que ten tantos fans? Que hai que facer para ser membro da Panorama? Todas as repostas atoparanas os espectadores da TVG esta noite, en que vivirán unha auténtica festa rachada.
    
Desde o concello de Ribadumia, a presentadora do programa, Noelia Rey, descubrirá os cinco segredos mellor gardados desta mítica formación galega. Pero, ademais, ‘Vaia Troula’ estará coa Panorama nunha actuación na localidade madrileña de San Fernando de Henares. Alí, a reporteira Adela Bértolo poderá comprobar se un dos emblemas da Galicia máis trouleira tamén ten unha chea de fans fóra da casa.

Pola súa parte, Amanda Fernández, que tamén estará en Ribadumia, amosará como viven un concerto da Panorama os fans galegos. Serán distintos que os de Madrid? E Noelia Salgado sairá á rúa para cantar as cancións da Panorama coa xente. E tamén aprenderá como hai que prepararse e vestirse para as espectaculares actuacións desta orquestra.
    
No programa de hoxe tamén haberá tempo para amosarlle a toda a audiencia como son os poucos día de descanso dos que dispoñen Lito Garrido, a alma da Panorama, e Diego Moreira, un dos cantantes con máis futuro desta orquestra.
    
Ademais de coñecer a historia da que, para moitos, é a mellor orquestra de Galicia, as reporteiras tamén estarán cos maiores fans da Panorama. O obxectivo final é descubrir por que é unha auténtica orquestra encheestadios.

Fuente Crtvg.es