O proxecto #Instagal da CRTVG para o fomento do galego en Instagram faise co Premio Paraugas de Comunicación

0
4

Santiago, 29.11.2019.-   A CRTVG acaba de gañar este venres o Premio Paraugas de Comunicación e Márketing de Galicia, na categoría de Mellor proxecto social media. Na súa cuarta edición, o xurado do certame decantouse por #Instagal, a proposta dos medios públicos galegos, coa que busca retratar a diversidade lingüística de Galicia a través das redes sociais.

Rosa Vilas, adxunta ao director xeral da CRTVG, e Alba Mancebo, xefa de Extensión Audiovisual da TVG, recolleron este Premio Paraugas no transcurso dunha gala celebrada en Ourense. Na mesma categoría, a CRTVG competía coa Axencia Nasas, coa campaña ‘Edición Memes’ para Cabreiroá, e coa axencia by Sidecar, con ‘Influencers naturais’ para Central Lechera Asturiana.

#Instagal, creado en 2019, é unha aposta polo entretemento e a divulgación a través da creación de contidos dixitais propios nunha plataforma cos que os medios públicos galegos poñen en valor e descobren palabras galegas en uso. Cada semana proponse unha palabra nas historias de Instagram da Televisión de Galicia (@tvgalicia) para que os usuarios acheguen sinónimos que se empregan na súa zona. Desta forma, dáse a coñecer o uso dese termo nas distintas variedades dialectais da comunidade. Tras a recollida das participacións por parte dos usuarios e a análise desde o servizo de Asesoramento Lingüístico da CRTVG, publícase un vídeo tanto en Instagram como en YouTube en que se comenta a participación, a procedencia e o significado que se lle dá á palabra por toda Galicia.

Estes galardóns foron creados polo Clúster galego da Comunicación Gráfica para distinguir as mellores campañas, estratexias de creatividade, deseño e artes gráficas e editorial, e accións de mercadotecnia e comunicación de Galicia.

Fuente Crtvg.es