‘O que arde’ e ‘Quen a ferro mata’, participadas pola TVG, acadan tres Premios Goya para o audiovisual galego

0
44

Santiago, 25.01.2020.-       As películas ‘O que arde’, de Oliver Laxe, e ‘Quen a ferro mata’, de Paco Plaza, ambas as dúas participadas pola TVG, lograron esta noite tres Premios Goya para o audiovisual galego: Benedicta Sánchez, protagonista de ‘O que arde’, premio á mellor actriz revelación; Mauro Herce, premio á mellor dirección de fotografía pola mesma película, e Enric Auquer, Goya ao mellor actor revelación por ‘Quen a ferro mata’.

“2019 foi un ano irrepetible no audiovisual galego impulsado pola TVG, con triunfos en Cannes, en Netflix e agora coa forta presencia nos premios Goya”, dixo Rosa Vilas, esta noite en Málaga. “É a primeira vez na historia dos premios que unha película en galego é candidata ao mellor longametraxe, e por primeira vez un galego –Oliver Laxe- é candidato á mellor dirección absoluta”, salientou a Adxunta ao Director Xeral da CRTVG.

‘O que arde’, unha das producións máis importantes dos últimos anos no panorama galego e tamén a película galega máis vista en cines da historia, competía nesta 34ª edición dos Premios Goya con catro candidaturas: mellor película, mellor dirección, mellor dirección de fotografía e mellor actriz revelación, premio, este último, que gañou Benedicta Sánchez, que se estreou como actriz aos 84 anos. ‘O que arde’ narra a vida de Amador (Amador Arias), un pirómano que volve á casa despois de cumprir dous terzos da súa condena. A súa nai (Benedicta Sánchez) e as súas tres vacas agárdano na vila, onde se instala a rutina ata que un novo incendio fai estoupar a calma.

Outra película participada pola Televisión de Galicia: o thriller Quen a ferro mata’, de Vaca Films, foi premiada na categoría de mellor actor revelación que obtivo Enric Auquer. Cunha forte carga dramática, o filme abrangue temas como a traizón, as relacións familiares, a droga e a violencia e retrata familias que quedaron desfeitas polos horrores do mundo da droga.

O nome de Benedicta Sánchez, o novo fenómeno do cinema galego, deu a volta ao mundo tras o seu paso polo Festival de Cine de Cannes. Con 84 anos, o seu papel na película de Oliver Laxe ‘O que arde’ valeulle xa unha candidatura aos Premios Goya 2020 como actriz revelación, o seu paso polo ‘Luar’ introduciuna de cheo nas casas dos telespectadores da Televisión de Galicia e a súa intervención nas badaladas da última noite de 2019 acabou por namorar a audiencia. Decenas de medios de comunicación fixéronse eco da vida desta lucense do Corgo, que emigrou nos anos 60 ao Brasil, onde gañou a vida como fotógrafa.

Benedicta chegou ao cine por casualidade pero pasará á historia non só como a muller de máis idade xamais nomeada a actriz revelación dos Goya, senón tamén coma un exemplo para todos e todas de que nunca é tarde para realizar os soños que semellan máis imposibles.

Fuente Crtvg.es