O Rally de Ourense, o Campionato Europeo Júnior de Loitas Olímpicas e fútbol, en directo na CRTVG

0
5

Santiago, 07.06.2019.-  As competicións deportivas nos medios públicos galegos comezan este sábado a primeira hora da tarde, ás 16.00 horas, coa transmisión en directo do último tramo da 52 edición do Rally de Ourense, única cita galega sobre asfalto puntuable para o Supercampionato de España, composto por catro probas de asfalto e catro de terra.

A G2 e a web da CRTVG continuarán polo sur de Galicia para ofrecer, a continuación, desde Pontevedra, as probas que se estean a celebrar no Campionato Europeo Júnior de Loitas Olímpicas (18.00 h.), en que participan un total de 800 deportistas de 37 países nas especialidades de loita grecorromana, loita libre feminina e loita libre olímpica.

O domingo, o espazo ‘A Liga das Cidades’ achegará os partidos cruciais, en fase de play off polo ascenso a 2ªB, que disputarán o Alondras C. F. – Club Portugalete (18.00 horas) e Villarubia C. F. – Bergantiños F. C. (20.00 h.).

A RG dispón dun amplo despregamento en Riazor

A fin de semana deportiva comeza na Radio Galega ás doce do mediodía. Alfonso Pardo chega a Fisterra co espazo ‘Convivir Deportivo’ para homenaxear o equipo de fútbol da vila, que acaba de ascender á preferente Galicia.

Desde as 15.00 h., Xoán Galán presentará un sábado atractivo para o fútbol galego. Remata a liga regular de segunda división e a Radio Galega ten preparado un amplo despregamento para o partido definitivo de Riazor. O Deportivo depende de si para entrar na fase de ascenso á primeira división. De saída ten todo a favor, xoga na casa e enfróntase ao último clasificado, o Córdoba. O ‘Galicia en Goles’ estará pendente tamén do que fagan os rivais do cadro coruñés na pelexa por alcanzar a sexta praza. O Cádiz visita ao Sporting en Xixón e o Oviedo xoga no campo do Sadar ante Osasuna. Mesmo o Deportivo ten opción de acabar quinto, polo que tamén haberá seguimento ao Estremadura-Mallorca, por si o equipo balear fallase en Almendralejo. Javi Torres narrará o Dépor-Córdoba, apoiado polos especialistas Millán Gómez e Xosé Manuel Traba.

O sábado presenta tamén o desenlace da final de ascenso á terceira entre o Viveiro e o Barbadás, xunto ás semifinais da Copa de fútbol sala de terceira e o La Concordia-As Burgas, en que o equipo de Ourense debe celebrar o ascenso á primeira feminina de fútbol sala tras gañar 6-0 nos Remedios. No seguimento ao deporte de base, o programa atenderá aos torneos de Carballo e Salceda de Caselas.

Tras a emoción do fútbol, ás 23.00 h. da noite a revista do motor ‘Gas a fondo’ analizará o Rally de Ourense cos protagonistas da competición, mentres ás 23.30 horas Toni López García continúa co ciclo de entrevistas aos deportistas galegos que poden competir en Tokío en 2020.

O domingo, ás 12.00 h., a edición matinal de ‘Galicia en Goles’ presentada por Paco Santos estará centrada na final da Copa de fútbol sala desde O Carballiño, xunto á fase de ascenso á primeira división de fútbol feminino, a Copa Deputación de Lugo e as finais do torneo de fútbol base de Carballo.

Desde as 15.00 h., a sesión de tarde retransmitirá os partidos de ida da segunda fase de ascenso á segunda división B. O Bergantiños visita o Villarrubia en Cidade Real, mentres o Alondras recibe no Morrazo o Portugalete. O Lugo, pola súa banda, pecha a temporada de segunda celebrando a permanencia en Tarragona ante o descendido Nástic. Completan a oferta de partidos a Copa da Coruña co Arteixo-Club do Mar de Caión e a final de ascenso á preferente entre o Gran Peña e o Castrelos.

A última hora do día está reservada á mesa de debate do programa ‘Ao Contraataque’, en que os expertos analizarán a xornada da fin de semana. Este tempo de opinión que comeza ás once da noite poden seguilo os oíntes tamén a través da web da Radio Galega no Mira RG, streaming que tamén está dispoñible na aplicación para o teléfono móbil.

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here