O Rally Terra da Auga, o MXGP de Motocrós e a Liga Asobal, esta fin de semana, na G2

0
10

Santiago, 25.09.2020.-    Esta fin de semana, os afeccionados e afeccionadas ao deporte estarán acompañados pola G2, que ofrecerá, en directo, o Rally Terra da Auga, a novena proba do MXGP de Motocrós e o Cangas Frigoríficos do Morrazo – Ángel Ximénez Puente Genil, da Liga Asobal de balonmán. 

A primeira cita deportiva da canle autonómica galega comezará o sábado ás 16.30 horas, coa terceira sección do Rally Terra da Auga, que discorrerá polos municipios da comarca de Arzúa. Esta é a única cita do Campionato de España de Rallys de Terra que se celebrará en Galicia, cun total de 73 participantes. A partir das 18.45 horas dará comezo a cuarta e última sección da competición. 

O domingo ás 13.00 horas e a partir das 16.00 h, os afeccionados ao deporte de motor gozarán da novena proba do Mundial de Motocrós, o MXGP de Lombardía, en Italia, e serán testemuñas deste espectáculo internacional que se celebrará no Circuíto Internazionale Motocross Città di Mantova. O lucense Jorge Prado, campión do mundo de MX2 en 2018 e 2019, ocupa actualmente a quinta praza na clasificación xeral de MXGP, con 237 puntos. Pola súa parte, Antonio Cairolli arrebatoulle o liderado da competición ao piloto holandés Jeffrey Herlings.

As retransmisións da xornada rematarán co encontro que se disputará no Gatañal ás 17.00 horas entre o Cangas e o Puente Genil, nun encontro correspondente á sexta xornada da Liga Asobal de balonmán. Na xornada anterior, os galegos empataron a 22 ante o Villa de Aranda. Pola súa parte, os cordobeses perderon na casa 26-27 co Abanca Ademar León.

Fuente Crtvg.es