O raposo #Digochiño, a nova mascota do #DígochoEu da TVG

0
85

Santiago, 27.12.2022.-  O #DígochoEu estrea mascota: desde hai uns días, o raposo Digochiño é xa a cara máis infantil do #DígochoEu e comparte escena coa xornalista Esther Estévez nunha nova sección do programa. #Digochiño é un pequeno raposo, azul e branco, as dúas cores da bandeira galega, que vai ter máis protagonismo ao longo do vindeiro ano nos capítulos do programa.  

#DígochoEu, o multipremiado proxecto da CRTVG para achegar o galego dunha forma dinámica e entretida, celebra tres anos de percorrido este vindeiro 1 de xaneiro dando á benvida o ano 2023 coa incorporación dun novo amigo á familia. As intervencións de Digochiño con Esther grávanse nun estudio feito para a ocasión nos estudos de San Marcos da TVG, e a través da mascota Esther explicará galego aos máis cativos da casa.

#DígochoEu naceu en xaneiro de 2020 dentro dos Servizos Informativos da TVG e logo pasou a ter unha web e redes sociais propias, onde xa supera os 1.000 capítulos emitidos. Actualmente, conta co seu propio portal, digochoeu.gal, redes sociais con milleiros de seguidores, directos semanais en Twitch nos que se achega o portugués no ‘Apuntamento lusófono’ e varios concursos en marcha, como os Premios #DígochoEu. En redes, os vídeos do espazo acumulan xa máis de 75 millóns de reproducións, só en TikTok. Ademais, #DígochoEu colabora coa comunidade educativa galega, dinamizando o ensino do galego e creando accións coas que seguir espallando o bo uso da lingua, especialmente entre os máis novos.

Fuente Crtvg.es