O Río Breogán xoga o ascenso á ACB, en directo, nos medios públicos galegos

0
8

Santiago, 18.06.2021.-  Domingo multidisciplinar e emocionante nos medios públicos galegos, que acompañarán en directo os deportistas da nosa terra nas súas citas decisivas. A segunda canle da Galega e a web da CRTVG porán en marcha os marcadores, ás 12:00 horas, co desenlace dos cuartos de final da Copa de Campións na División de Honra xuvenil, entre a U. D. As Palmas e o R. C. Deportivo. O conxunto de Óscar Gilsanz intentará rematar unha temporada espectacular tras acadar o título da División de Honra. Nesta cita de volta, parte con vantaxe tras gañar na ida en Abegondo por 2-1. As Palmas buscará a remontada facendo valer a súa condición de local.

No tempo de ‘A liga das cidades’, ás 17:00 horas, poderase ver en directo a final do playoff da Terceira galega polo ascenso, que disputará o Arousa S. C. fronte á U. D. Somozas.

Continuando cos encontros de playoff, o baloncesto tomará a remuda nos medios públicos, a partir das 19:00 h, para ofrecer o terceiro e último partido polo ascenso á Liga ACB, que xogarán Coviran Granada-Río Breogán.

Os afeccionados ao rugby están tamén de parabéns este domingo, xa que os medios públicos galegos achegarán os partidos das fases semifinais e final da Copa da Raíña de rugby VII feminino, en que participa o Crat da Coruña entre unha ducia dos mellores equipos do rugby nacional a sete, desde o estadio coruñés de Elviña. Estes encontros poderanse seguir en directo ao longo de toda a xornada pola web da CRTVG e en diferido pola G2 (ás 14:00 h, semifinais;  ás 16:30 h, partido polo 3º e 4º posto, e ás 21:15 h, final).

E o luns continúa o deporte na G2, coa emisión en directo, a partir das 22.55 horas, dun novo encontro da Copa América, o que xogarán as seleccións do Uruguai e Chile desde o estadio Arena Pantanal.

Fuente Crtvg.es