‘O Sabor das Margaridas’ e ‘Pratos Combinados’ fan duplicar o consumo de enserie.gal, a web das series da CRTVG

0
12

Santiago, 31.03.2020.-  O servizo en liña de cine e series da Televisión de Galicia está a ser un dos máis consumidos e demandados neste tempo de corentena. O anuncio da reposición na pantalla de ‘Pratos Combinados’ e a nova temporada de ‘O sabor das margaridas‘, que se está a estrear en exclusiva en liña na web da CRTVG, fixo que moitos galegos coñeceran a páxina enserie.gal onde se poden atopar ata 36 títulos de series producidas pola CRTVG.

Desde a semana pasada, tamén todos os galegos poder acceder a cine en galego, en aberto, no portal crtvg.gal. a través de ‘Carteleira G’. Aquí proponse cada semana un ciclo de cine cun paquete de filmes en aberto. Son películas cun fío condutor común (mesmo director, mesma temática, xénero, etc.), todas en galego e que foron apoiadas ou participadas pola TVG.

Segundo a análise de consumo dixital, a web enserie.gal duplicou o seu número habitual de usuarios desde principios de marzo. Entre os títulos que acadan máis éxito de audiencia atópase ‘Pratos Combinados’ e ‘O sabor das margaridas’, serie da que TVG emite tamén a segunda temporada os domingos pola noite. Estes dous títulos foron os contidos máis vistos na última semana. Tamén outras coñecidas series, como ‘Matalobos’ ou ‘Mareas Vivas’ tiveron un forte aumento de audiencia dixital.

Na evolución semanal, tanto o número de usuarios como de sesións e de páxinas vistas incrementaron de forma considerable cada semana desde mediados de marzo. E o servizo de contidos ‘Á Carta’ experimentou nestes últimos días un incremento do 242% respecto da semana anterior (16 ao 22 de marzo), coincidindo coa publicación da segunda temporada de ‘O sabor das margaridas’.

Ademais de manter nas súas emisións de televisión os seus programas senlleiros de entretemento na grella, como ‘Luar’, ‘Land Rober Tunai Show’ ou os magazines da tarde, e sempre tomando as máximas precaucións e prevencións para os seus traballadores, a Corporación está a desenvolver un especial esforzo nas canles dixitais, para ofrecer o mellor servizo á carta posible.

Dentro do seu labor de servizo esencial, a CRTVG é consciente de que, nestes días de confinamento, o entretemento é tamén unha parte básica na súa misión de servizo público, polo que se fixo un especial esforzo en potenciar o acceso e posta a disposición de contidos dixitais.

Fuente Crtvg.es