O thriller ‘Quen a ferro mata’, con Luís Tosar no papel principal, protagonista de ‘Clac’ esta semana

0
28

Santiago, 14.01.2022.-    O programa ‘Clac’ trae este venres á G2 (22.55 h) o suspense de ‘Quen a ferro mata’, unha película de Vaca Filmes (o sábado á noite na TVG). Esta coñecida e multipremiada empresa do audiovisual galego sitúase entre as 20 produtoras máis importantes de España, con outros filmes como ‘Cela 211’ e ‘O descoñecido’.

O filme, protagonizado por Luís Tosar e dirixido por Paco Plaza, rodouse na súa maior parte na Illa de Arousa e en Cambados, durante o verán de 2018. A trama xira arredor da misteriosa relación establecida entre un enfermeiro e un residente que resulta ser un capo da droga moi enfermo. Entre os dous existe un dramático fío condutor, un vínculo que o espectador tarda en coñecer.

Para esmiuzar todos os detalles desta produción, a presentadora de ‘Clac’, Tania F. Lombao, conversará no estudio de gravación coa produtora da cinta, Enma Lustres, e co guionista, Juan Galiñanes.

‘Quen a ferro mata’ conta a historia de Mario, un enfermeiro dunha residencia xeriátrica que coida a un capo da droga que acaba de saír do cárcere. O narco saíu da cadea pola gravidade da súa doenza, para tratar unha enfermidade dexenerativa. Ao tempo, os dous fillos do delincuente enfróntanse á débeda que a organización familiar mantén cos traficantes colombianos que lles fan chegar a droga.

A actualidade cinematográfica e da carteleira tamén terá o seu oco no espazo da G2, que, como cada semana, contará coa participación do experto en cinema Eduardo Galán.

Fuente Crtvg.es