O último da cantante gaditana Merche e do grupo galego Mon Band, esta noite en ‘Bamboleo’

0
11

Santiago, 19.06.2021.- ‘Bamboleo’ (22.40 h) chega hoxe á Televisión de Galicia cunha convidada gaditana que triunfa como cantante e compositora. Merche visita o programa presentado por Xosé Manuel Piñeiro nunha noite chea de diversión para todos os públicos. Xa son case 20 anos de aventura discográfica e, despois de vivir un ano complicado a causa da pandemia, a artista regresa con ‘La Diabla’, unha canción de son urbano en que amosa a súa versatilidade e capacidade de adaptación ás novas tendencias musicais. Coma sempre que visita ‘Bamboleo’, Merche participará dos xogos máis divertidos que os colaboradores do programa teñen preparados para ela e cantará outros éxitos da súa extensa carreira.

A banda galega Mon Band tamén visitará esta noite o programa despois da magnífica acollida que tivo nas plataformas dixitais. ‘La mejor versión de mi’ é o tema que interpretará o grupo liderado polo músico galego Mon Cancela.

Este sábado de festa estará amenizado por unha das grandes formacións da verbena galega, a orquestra Olympus, que ofrecerá unha selección de temas do seu repertorio.

No ‘Dirtidansi’, os actuais campións de España de bailes caribeños, Alberto e Mélani, chegan desde a Costa da Morte para realizar dúas fantásticas exhibicións de salsa e bachata. O ‘Agora ou Nunca’ terá como protagonistas dous cantantes de gran talento. Maika Lagarellos interpretará o tema ‘The show’, de Lenka, e Juan Carlos Terán un éxito de Carlos Vives: ‘Volví a nacer’.

Ademais, en ‘A Jrileira’, a sección de karaoke para entidades deportivas, participarán o Club Tenis de Mesa Cidade de Narón e o Club Voleibol de Ourense. As súas representantes, Noelia e Johanna, cantarán ‘Ni tú ni nadie’, de Alaska, e adiviñarán intérpretes de cancións coa axuda de dúas compañeiras.

Por último, unha parella de namorados xogará en ‘A ITV do Amor’ e intentará confundir o seu rival para facerse co premio.

Fuente Crtvg.es