O xornalista da Radio Galega Alfonso Pardo recibe unha distinción da Federación Galega de Karate

0
10

Santiago, 29.12.2019.-    O xornalista da Radio Galega Alfonso Pardo foi galardoado este domingo pola Federación Galega de Karate, que entregou os galardóns correspondentes ao período comprendido entre o 1 de xullo de 2018 e o 8 de decembro de 2019.

A Federación outorga este premio a Alfonso Pardo polo seu labor xornalístico na difusión desta disciplina, concretamente, pola reportaxe emitida o pasado 22 de outubro sobre o Club de Karate San Francisco Teo. O xornalista da Radio Galega é director e presentador do programa ‘Convivir Deportivo’, que amosa a actualidade do deporte desde a óptica social e narra cada fin de semana historias de superación e voluntariado, entre outros contidos, como o deporte base.

A entrega deste galardón tivo lugar no centro Torrente Ballester de Ferrol, no marco da IX Gala do Karate Galego e Disciplinas Asociadas. Neste acto, tamén se recoñeceu o labor doutros medios de comunicación, administracións e organismos oficias, técnicos, árbitros, cubes e deportistas de karate, kenpo e nihon tai-jitsu.

Esta distinción a Alfonso Pardo súmase á obtida o pasado 20 de decembro na Gala do Piragüismo Galego 2019 pola difusión desta disciplina deportiva, que ten moita presenza nos medios públicos galegos, e en que tamén foron recoñecidos outros dous xornalistas da emisora autonómica: Roberto Carlos Carballo e Carlos Alonso.

Fuente Crtvg.es