O Zaragoza-Lugo abre este venres as retransmisións deportivas da Radio Galega

0
11

Santiago, 19.05.2022.-    A penúltima xornada da Segunda División profesional comeza o venres na Radio Galega co Real Zaragoza-Club Deportivo Lugo, no estadio da Romareda. Desde as 20.30 h, ‘Galicia en Goles’ contará todo o que pase nun encontro con dous contendentes que teñen os deberes feitos e que seguirán na categoría de prata a próxima temporada.

As emocións fortes chegarán o sábado, desde as 15.00 h. O Celta pecha o curso na Primeira División visitando o Valencia en Mestalla. Pola noite, o filial recibe en Balaídos o Rácing de Ferrol co obxectivo de garantir a praza para a fase de ascenso á Segunda División. Mentres, o Deportivo visita o segundo equipo do Valladolid para sumar os puntos que lle dean o subcampionato e, polo tanto, ter vantaxe nas eliminatorias finais. Ata as 00.00 h, o programa narrará tamén a final de ascenso á Segunda RFEF entre o Ourense C. F. e o Llerenense.

O domingo, a sesión matinal comezará ás 12.00 h con seguimento ao fútbol da Preferente, a Segunda feminina e a Primeira de fútbol sala feminina. A partir das 15.00 h, o interese pasará pola fase de ascenso á Primeira RFEF, coa semifinal entre o Coruxo e o Peña Deportiva de Eivissa. No programa tamén haberá conexións cos partidos destacados da Preferente. Na última hora, ás 23.00 h, ‘Galicia en Goles’ recibirá os especialistas de ‘Ao Contraataque’ para debater sobre os resultados dos equipos galegos.

Na fin de semana, a audiencia da Radio Galega tamén pode escoitar o espazo ‘Convivir Deportivo’, que chega á FM os sábados ás 13.00 h e que está dispoñible no podcast desde as 14.00 h. Desta volta, o protagonista é un club de fútbol punteiro na Costa da Morte: o Mazaricos.

Fuente Crtvg.es