Oficios antigos e bonitas receitas na xuntanza deste martes no ‘Larpeiros Social Club’

0
5

Santiago, 10.12.2019.-     Cociña, grandes conversas, risas e música. Isto é o que ofrecerá, unha semana máis, o programa ‘Larpeiros Social Club’, onde hoxe se falará de antigos oficios, aqueles que tiñan moitos dos nosos avós non hai tantos anos. Ferreiros, zoqueiros, leiteiras… Moitos destes oficios xa se perderon para sempre, pero outros aínda perduran grazas ao esforzos de xentes de aquí e acolá. O que está claro é que nunha cociña sempre haberá cociñeiros.

E, grazas a este oficio universal, existen outros moitos: non hai quen corte un queixo sen un coitelo xeitoso ou quen pesque un peixe sen boas redes… Neste programa, estes oficios serán fonte de inspiración para atopar o agasallo perfecto para Lola. E na cociña, non faltarán pratos dos de sempre, cunhas receitas ben bonitas que precisarán culler, garfo e coitelo para lles dar feito: unha ensalada de pementos con mexillóns, unhas fabas estufadas e un polo ao chilindrón. E, para rematar a troula, un biscoito de laranxa con crema de queixo e arandos.

Fuente Crtvg.es