Oito títulos de cine para a cativada, as mellores series en galego e a visita dos Reis Magos, este Nadal na TVG

0
17

Santiago, 20.12.2020.-  Ás portas das vacacións escolares de Nadal, a Galega ten toda a programación infantil disposta para acompañar á cativada. A través da TVG, da G2 e das canles dixitais ofreceranse variadas propostas, entre as que se atopa un cartel de oito longametraxes coas súas personaxes e heroes de animación favoritas, cinco delas estreas en galego.

Nos días máis sinalados, a G2 ofrecerá na faixa da merenda estas longametraxes, comezando cos irredutibles galos, Astérix e Obélix, dificultando a invasión da súa aldea aos romanos, en ‘Astérix na residencia dos deuses’ (21 decembro). Dous ‘spin off’ da película ‘The lego movie’: ‘Batman, a lego película’ (25 decembro) e ‘Ninja, a lego película’ (1 xaneiro), traerán, respectivamente, as aventuras de Batman fronte ao Joker para salvar a cidade de Gotham e dun neno ao que o misterioso dono dunha tenda de antigüidades orientais lle conta a lenda de Ninjago. A seguinte película, ‘A casa da luz’ é unha produción galega, baseada nunha novela homónima de Xabier Docampo, destinada especificamente para a cativada, que se poderá gozar o día 22 e cuxa acción transcorre en Eiravella durante as vacacións dun grupo de nenos. Esta ficción, estrea en primicia en televisión, está especialmente recomendada para a infancia pola Unesco e Unicef.

Na tardiña da Noiteboa gozarase con ‘Cegoñas’, comedia disparatada ambientada en Montaña Cegoña, desde onde estas aves envían bebés ás mamás e papás de todo o mundo. Para despedir o ano, ‘Shin Chan, 3 minutos para salvar o mundo’, en que o pequeno Shin Chan enfróntase a monstros que alteran a paz do mundo; e o día de Reis, o can de Shin Chan, Nevado, terá un papel relevante na nova historia ‘Shin Chan: o meu can é a bomba!’. A estrea na Galega da comedia familiar ‘Paddington II’ (na tarde do 5 xaneiro), co popular oso como estrela principal, completa o abano cinematográfico para os máis pequenos neste Nadal.

Os Reis Magos visitarán a TVG

Para que ningún neno ou nena galego quede sen ver os Reis Magos, a Televisión de Galicia recibirá nun dos seus estudios as súas maxestades de Oriente. Será o día 5 de xaneiro no especial ‘Que veñen os Reis!’, que se ofrecerá en directo, arredor das 18.00 horas, presentado por Paco Lodeiro e Loly Gómez.

Máis series de animación nas fins de semana

A TVG é, desde abril de 2020, a canle xeneralista máis vista polos espectadores novos (entre 13 e 24 anos de idade) en Galicia. Consciente disto, nesas datas a G2 suspenderá os programas de contido educativo, como ‘Meteoxenios’, ‘Xeoclip’ e ‘O sabedoiro’. No seu canto, duplicará a oferta das series de animación dos ‘Érase unha vez…’ e achegará maratóns de ‘Miracle Tunes’. E continuarán, de luns a venres, as aventuras do ‘Detective Conan’, serie manga de éxito, incorporada recentemente polo ‘Xabarín Club’ á súa faixa do mediodía.

A CRTVG conta, amais da G2, con ata catro canles dixitais 24 horas dedicadas aos máis pequenos: a primeira atópase dentro da App CRTVG; a segunda, a App específica ‘Xabarín’, dispoñible e operativa para IOS e para Android; a terceira, a canle Xabarín da web crtvg.gal, e a cuarta, a canle de radio dixital Radio Picariña, un proxecto pioneiro con máis de mil cancións para nenos en galego.

Fuente Crtvg.es