Oliver Laxe e Benedicta Sánchez afondan este venres en ‘Clac’ nas claves do premiado filme ‘O que arde’

0
93

Santiago, 23.07.2021.-   O programa ‘Clac’ (22.55 h) achégase hoxe á película galega ‘O que arde’, a través do director do filme, Oliver Laxe, e da actriz protagonista da cinta, Benedicta Sánchez. A xornalista Tania Fernández Lombao, presentadora e directora do espazo, e o especialista en cinema dos medios públicos Eduardo Galán desenvolverán un coloquio este venres sobre esta premiada película participada pola Galega, previa á súa emisión na G2.

Oliver Laxe, fillo de galegos emigrados, nado en París, contará os significados do filme e falará sobre como quería representar Os Ancares e xerar dúbidas sobre o sentimento de culpabilidade. Pola súa parte, Benedicta Sánchez amosarase disposta a volver gravar baixo as ordes de Laxe. Ambos os dous afondarán nas súas respectivas escenas favoritas da longametraxe.

Tras as súas primeiras curtametraxes e as dúas anteriores longametraxes, ‘Todos vós sodes capitáns’ e ‘Mimosas’, tamén moi premiadas, especialmente en Cannes, e rodadas fóra de Galicia, esta terceira película de Laxe, ‘O que arde’, situouse por completo na terra da súa infancia, nos Ancares. Foi distinguida no Festival de Cine de Cannes de 2019 co Premio do Xurado na sección ‘Unha certa mirada’. En Cannes tamén recibiu galardón á mellor creación sonora e é a primeira obra en galego a competición no festival francés. Nos Goya recibiu os galardóns á actriz revelación, que recolleu Benedicta Sánchez, e o de mellor dirección de fotografía (Mauro Hercé). E recibiu, amais, catro premios no Festival Internacional de Cine de Mar da Prata, entre eles, o Mellor Filme e Mellor Guión da competición internacional.

A partir dun pirómano que regresa á casa da súa nai tras cumprir condena, ‘O que arde’ trata a mentalidade dos pirómanos e a problemática dos incendios forestais en Galicia como escusa argumental, para ofrecer unha historia que abrangue variadas ópticas. Os protagonistas desta relación entre nai e fillo son Amador Arias e Benedicta Sánchez.

Estreada en cines en outubro de 2019, ‘O que arde’ é unha das producións más importantes dos últimos anos do panorama galego e a película en lingua galega máis vista en cines da historia, por riba da histórica ‘Sempre Xonxa’ (1989), de Chano Piñeiro.

Fuente Crtvg.es