Os Bolechas levan este Nadal a oito concellos galegos a súa xira ‘Os crebanoces’

0
43

Santiago,13.12.2021.-    Como cada Nadal, os Bolechas saen de xira por Galicia co espectáculo ‘Os crebanoces’ que visitará un total de oito concellos: Santa Comba, Vimianzo, Abadín, Verín, Viana do Bolo, Negreira, Trazo e As Pontes, entre o 18 de decembro e o 4 de xaneiro. Televisión de Galicia apoia un ano máis esta acción de Nadal, dirixida aos máis pequenos, en que o ocio en galego volver ser protagonista e que este ano conta cun convidado moi especial, o crebanoces, chegado de Alemaña para participar no espectáculo. Todas as sesións nos oito concellos son de balde.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, Gadisa e Editorial Bolanda, xunto coa Televisión de Galicia, son as entidades que fan posible a xira, que foi presentada esta mañá nun acto en que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o delegado da área de Santiago de Gadisa, Román Roo, e Antonio Couto, director da Editorial Bolanda, así como Xaime Arias, director de Proxección Social da CRTVG.

Os populares Bolechas, en emisión na G2 dentro da programación infantil da canle pública, celebraron en 2020 o seu vixésimo aniversario. O primeiro libro da popular familia viu a luz no ano 2000. Desde entón, con case 700 títulos publicados e máis de 1.800.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de fans, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa. Ademais, Os Bolechas contribúen á divulgación e á formación da poboación infantil en galego, sempre mediante o divertimento. Emítense tamén na canle pública portuguesa RTP.

Fuente Crtvg.es