Os Bolechas visitan oito concellos galegos co seu espectáculo ‘Nadal sen neve’

0
2

Santiago, 19.12.2019.-  Un ano máis, Os Bolechas estarán presentes no Nadal dos máis pequenos da casa. Da man de Política Lingüística, Editorial Bolanda, Televisión de Galicia e Gadisa, Os Bolechas levarán o espectáculo ‘Nadal sen neve’, do 21 ata o 30 de decembro a un total de 8 concellos. A contaminación e o quecemento do planeta son o eixe desta nova proposta.

O director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, asistiu hoxe á presentación da xira, xunto co secretario xeral de Política lingüística, Valentín García; en representación de Editorial Bolanda, Tomás Valín; e o director de Mercadotecnia de Gadisa, Antonio Cortés, diante de medio cento de nenas e nenos do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei de Compostela. Arias felicitou os Bolechas polo seu 20 aniversario e tamén por levar a escena este ano un tema de tanta importancia como é a necesidade de reducir a contaminación e loitar contra o cambio climático. “As Nacións Unidas acaban de marcar 17 obxectivos de desenvolvemento sostible e a TVG fixo deses obxectivos a súa bandeira, polo que estamos orgullosos de poder colaborar nesta iniciativa que incide nunha desas metas: a loita contra o cambio climático”, engadiu.

‘Nadal sen neve’ chega a oito concellos

Desta volta, no espectáculo é Nadal e os seis intrépidos irmáns e o seu canciño Chispa están na casa porque vai moito frío. Entón escoitan na televisión que un informe da axencia europea do medio natural sitúa o noroeste peninsular como unha das zonas que máis se verán afectadas polo quecemento do planeta. Os Bolechas fican arrepiados e van chamar o seu amigo o científico Estroncio Potasio que co seu aparello cuántico acelerado vai provocar algo terrible. De súpeto, aparece un Lixontropo, unha das consecuencias do cambio climático. A Lixontropo encántalle a calor polo Nadal e tamén comer fume de coche, cueiros, porcalladas e… lixo! Poderán facer algo os Bolechas?

Os Bolechas levarán ‘Nadal sen neve’ este próximo sábado 21 de decembro ao Salón Multiusos do Recinto Feiral de Curtis, ás 17.00 horas; o 22 de decembro, ás 18.00 horas, no Auditorio Municipal de Padrón; o luns 23, ao Salón de Congresos e Exposicións José Peña de Cambados (17.30 h); o xoves 26, no Centro Socio Cultural e Xuvenil José Raído ‘Patelas’ de Cuntis (18.00 h) ; o venres 27, á Casa da Cultura de Viana do Bolo (19.00 h); o sábado 28, na Casa da Cultura Olga Novo da Pobra do Brollón (18.00 h); 0 29 de decembro, no Auditorio da Casa da Cultura de Outes (19.00 h) e o 30 de decembro, no Multiusos da Xunqueira de Redondela (18.30 h).

Fuente Crtvg.es