Os cantantes David Civera e Andrea Pousa, convidados esta noite en «Bamboleo»

0
17

Santiago, 18.04.2020.- O espazo de música e entretemento “Bamboleo” (22.00 h) convida esta noite a subir ao seu escenario a David Civera, que celebra, co seu duodécimo disco de estudio, os seus 15 anos de carreira musical, avalada por éxitos como “Dile que la quiero”, “Que la detengan” e “Bye Bye” ata un total de dez cancións do seu repertorio máis representativas, todas elas con nova produción e arranxos. O álbum inclúe ademais dous temas inéditos, incluído “No soy un canalla”, que interpretará hoxe para o público de “Bamboleo”.

O programa da TVG presentado por Xosé Manuel Piñeiro tamén recibirá a vista da cantante melódico-lírica Andrea Pousa, que, con máis de 15 anos de experiencia sobre os escenarios, presenta o seu primeiro álbum en solitario, “Respirar”, un canto á nai natureza, con once temas orixinais e unha versión de “Negra Sombra”. Lirismo, tradición e vangarda únense nas súas cancións, interpretadas en galego, castelán e portugués.

Tamén actuarán esta noite no programa a orquestra Salsarena e a rapeira viguesa Wöyza, que ten novo disco no mercado, “Pelea”. A cantante de soul e hip hop regresa tras oito anos sen estreas discográficas cun traballo de fondo contido social.

No escenario tamén estarán Guadalupe González, interpretando “El clavel”, de Isabel Pantoja, e Irene Escudero, co tema “Me rehúso”, de Danny Ocean, competindo ambos os dous na sección “Agora ou Nunca”.

Coma sempre, “Bamboleo” ofrecerá tamén as seccións “A ITV do amor”, onde un concursante terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas; “Déixate de Juasá”, que animará a Merchi e Carmen a prescindir de tanto trebello tecnolóxico; “A Jrileira”, onde Lorena e Farruco se enfrontarán ao karaoke cantando “Cuéntame un cuento”, de Celtas Cortos, e “Dirtidansi”, en que parellas de distintas xeracións bailarán hoxe tango e samba.

Fuente Crtvg.es