Os cantantes Eva B e Álvaro de Luna e a orquestra Vulkano Show actúan hoxe en ‘Bamboleo’

0
24

Santiago, 28.11.2020.-  ‘Bamboleo’ (22.05 h) chega cada sábado coa súa especial combinación de música, espectáculo e entretemento. Nesta ocasión, Xosé Manuel Piñeiro recibirá a visita dous artistas moi novos que teñen en común a experiencia de participar en programas de talentos musicais: son Eva B e Álvaro de Luna.

Eva B, natural de Sada, iniciou a súa carreira na música hai apenas uns meses e xa conta con dous sinxelos no mercado: ‘Dumb’, composto pola propia artista e ‘América’, en que explora o pop e a electrónica. Eva B está en pleno proceso de creación do seu álbum debut e interpretará en ‘Bamboleo’ os dous temas que serven de adianto ao primeiro traballo discográfico.

Pola súa parte, Álvaro de Luna comeza a súa carreira en solitario tras formar parte do grupo Sinsinati, do que foi vocalista e compositor durante tres anos consecutivos e co que chegou ao máis alto das listas de éxitos. No programa da TVG interpretará ‘Indios y vaqueros’, co que acadou o disco de platino, e un novo tema titulado ‘Juramento eterno de sal’.

Tamara Pérez e Claudio Pan proporanlles distintas probas a Eva B e a Álvaro de Luna, que compartirán as experiencias máis salientables da súa carreira artística. Ademais, Isi, o terremoto de Arca, encherá de risas o estudio coas súas vivencias totalmente verídicas.

A orquestra Vulkano Show chega desde Salamanca para presentar o seu espectáculo, en que combina a música máis movida cunha enerxética exhibición de baile. No ‘Dirtidansi’, os espectadores poderán gozar do show de Airam e Vero, campións mundiais de bachata.

No ‘Agora ou Nunca’ participarán Mery Da Silva e Adrián Diz. Os dous amosarán os seus dotes para a canción entoando, respectivamente, ‘Chuva de prata’, de Gal Costa, e ‘19 días y 500 noches’, de Joaquín Sabina.

Dous clubs deportivos, o Praíña Sporting Club de Pontevea, no concello de Teo, e o Club Louro Tameiga, do concello do Mos, participarán no karaoke de ‘A Jrileira’. Moncho e Tintín, representantes de cada entidade, cantarán ‘Bailar pegados’, de Sergio Dalma, e a continuación contarán coa axuda de colegas para adiviñar o maior número posible de intérpretes de cancións.

Contra o final do programa, chegará a sección máis vibrante para as parellas de namorados: a ‘ITV Do Amor’. Patri e o seu mozo deberán despistar o participante do público para conseguir facerse co premio.

Fuente Crtvg.es