Os concursos e magazines do verán da TVG percorrerán Galicia na busca das mellores festas e novas voces

0
10

Santiago, 03.07.2020.-    Arrancou o mes de xullo e con el a programación de verán da Televisión de Galicia, que este xoves ofreceu como aperitivo a estrea da segunda temporada de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’, con máis tensión no concurso, máis música e máis humor. O programa, comandado por Paco Lodeiro, recrutará as mellores voces das orquestras galegas e aspira a converterse cada xoves nun grande evento musical e festivo.

A partir do 19 de xullo, ‘Aquí Hai Verán’ dará conta de canta festa, evento ou romaría se celebre en Galicia durante estes meses. Coa actividade recuperándose pouco a pouco nas rúas e en previsión de que volvan os eventos e as festas, que os galegos vaian de vacacións e que haxa concertos adaptados á ‘nova normalidade’, esta nova proposta retratará o ocio e o entretemento das vacacións de verán dos galegos.
    
A TVG estreará tamén ‘Cantas ou Que?’, un formato de entretemento de luns a venres baseado no karaoke, que será presentado por Fran Cañotas. O escenario móbil do programa instalarase cada semana nunha localidade costeira de Galicia, un lugar popular con veciños e turistas gozando do verán e da praia. Ao finalizar cada interpretación, os concursantes serán votados por un xurado popular e os/as  vencedores/as de cada día enfrontaranse o venres desa mesma semana na gran final.

Pero antes disto, cada tarde será o momento do ‘Quen Anda Aí?’, que non para durante o verán. Capitaneado por Marcial Mouzo, que estará acompañado por Rodrigo Vázquez, Inma Morandeira e Yolanda Vázquez, a partir do vindeiro luns converterá a terraza de verán do programa no estudio principal. Ademais de dar conta de canto aconteza nas rúas, vilas e localidades galegas, o magazine da TVG ofrecerá propostas adaptadas a esta época do ano, como unha rede de correspondentes a pé de costa ou nos espazos máis emblemáticos do verán galego, unha opción diaria para preparar pícnics e unha lembranza do que ocorreu en Galicia en veráns anteriores, entre outras.

No mes de xullo tampouco descansa o programa ‘Luar’, que chegará fiel á súa cita cada venres, a excepción do día 24, para o que a TVG prepara un programa en directo  co obxectivo de dar conta de todo o que aconteza nesa noite dos ‘novos’ Fogos do Apóstolo. O relevo do ‘Luar’ collerao no mes de agosto o espazo ‘Inimitables’, con especiais de música tradicional e de retrousos, entre outras temáticas.

O cine made in Hollywood será outro dos protagonistas do verán da Televisión de Galicia, que na noite dos mércores, despois dun novo capítulo de estrea da serie ‘Do Dereito e do Revés’, programará títulos coma ‘Sully’, ‘O contable’, ‘Animais fantásticos e onde atopalos’, ‘Escuadrón suicida’, ‘O francotirador’, ‘Os xogos da fame’, ‘Kong, a illa caveira’ e ‘Batman contra Superman’, entre outros. A continuación, tamén o mércores á noite, será o momento do cine galego, cos títulos máis destacados dos últimos anos.

Ademais, a canle autonómica manterá os novos programas que estreou o mes de xuño: ‘O sol sae para todos’, un espazo de reportaxes de actualidade, que conta diariamente como os galegos se adaptan á ‘nova normalidade’, e o magazine ‘Que nos pille rebolando!’, que seguirá enchendo de festa e diversión cada tarde de sábado.

A Radio Galega reforza as súas grandes marcas durante o verán

Na Radio Galega, o ‘Galicia por Diante’ manterá o seu formato e duración -de 06.00 a 14.00 h- e a súa dinámica. O tramo magazine contará con novas seccións e colaboradores de verán, entre os que figura a cantante Sabela Ramil e ‘A Profa’, coa sección ‘Curso para neofalantes’. Ademais, haberá puntos de directo en todo o territorio galego e unha hora de humor cada día.

O programa ‘A Tarde’, que manterá o espírito de puntos de directo con reporteiros/as por todo o territorio, colaboracións, humor e cultura, pasa a emitirse de 16.00 a 19.00 h. A esa hora arrancará o ‘Galicia en Goles’ cando haxa competicións de fútbol con equipos galegos durante o mes de xullo. O espazo ‘Pensando en Ti’ emitirase en directo todo o verán de luns a domingo no seu horario habitual, é dicir, de 01.00 a 06.00 h. Tamén continuará, de luns a venres, o ‘Diario Cultural’, con dúas edicións diarias, unha pola mañá e outra pola tarde.

Ademais, a canle pública galega afondará este verán nas sinerxías coa Televisión de Galicia, ao incluír na grella catro programas que foron emitidos no seu día na TVG: ‘Grandes Lugares’, ‘Náufragos’, ‘ADN Galego’ e ‘Tolemias’.

Fuente Crtvg.es