Os enfrontamentos Betis-Celta e Deportivo-Mérida centran o ‘Galicia en goles’ do sábado

0
18

Santiago, 02.02.2023.-    A primeira fin de semana do mes de febreiro chega interesante tras o peche do mercado de fichaxes. O ‘Galicia en Goles’ do venres comezará ás 20:30 h para analizar ata as 00:00 h o calendario dos equipos galegos. Tamén se lles vai prestar atención ás competicións polideportivas, coa disputa do partido de balonmán feminino entre o Porriño e o Barakaldo.

O sábado, a partir das 15:00 h, o programa da Radio Galega estará centrado nas ligas de fútbol. O primeiro argumento é o Deportivo-Mérida, da Primeira RFEF, no estadio de Riazor. A seguir chegará o Betis-Celta no estadio Benito Villamarín, un partido onde os espectadores que teñan contratado Movistar La Liga poderán escoitar a narración da Radio Galega nas canles de audio que aparecen na pantalla xusto ao comezo. Ademais, os afeccionados ao baloncesto terán íntegro a través de g24.gal/deportes, radiogalega.gal e a aplicación para o móbil o encontro da Liga ACB entre o Obradoiro e o Bilbao, desde o Sar. 

Durante o sábado, a Radio Galega inclúe tres espazos do proxecto #GaliciaEnXogo. O primeiro chega  ás 13:00 h e estará dedicado á Sociedade O Pote e os clubs Nautilus, Ximnasia Ferrolterra e Cultural Maniños. A segunda entrega producirase ás 15:15 h e estará centrada nos xogos electrónicos. Por último, de 23:00 a 00:00 h,  o espazo analizará a actualidade do mundo do motor e dos galegos que preparan os Xogos Olímpicos de París 2024.

Xa o domingo, a edición matinal adianta o comezo ás 11:45 h e prolongará a emisión ata as 14:30 h. O fútbol contará nesta ocasión co Leonesa-Rácing de Ferrol, no Reino de León, e no baloncesto xogarase o Breogán-Xirona, no Pazo dos Deportes de Lugo. Desde as 15:00 h, o interese estará posto primeiro nas competicións da Federación para rematar co decisivo Lugo-Eivisa, da Segunda División Profesional, un partido entre dous equipos que pelexan por escapar do descenso. Será, ademais, a estrea de Joan Carrillo como adestrador do equipo galego.

O último treito do ‘Galicia en Goles’, de 23:00 a 01:00 h, estará protagonizado polas comparecencias na sala de prensa no Anxo Carro, xunto á mesa de debate dos especialistas de ‘Ao Contraataque’ e as entrevistas aos destacados na xornada da Terceira Federación.

Fuente Crtvg.es