Os espectadores de ‘Vaia Troula’ vivirán este mércores unha emocionante ‘batalla dos Milagres’, en que as competidoras serán as romarías dedicadas a esta Virxe

0
65

Santiago, 13.09.2023.-   Este mércores, o programa ‘Vaia Troula’ presenta na Televisión de Galicia a auténtica e emocionante ‘batalla dos Milagres’. As competidoras serán as romarías máis importantes dedicadas á Virxe que tiveron lugar nestas xornadas de paixón e festa rachada. Desta volta, a trouleira maior, Noelia Rey, visitará a Romaría da Virxe da Barca de Muxía para gozar xunto a milleiros de persoas das tradicións da Pedra de Abalar e da Pedra dos Cadrís.

Pola súa parte, a reporteira Adela Bértolo será unha máis na Romaría da Virxe da Franqueira, no concello da Cañiza. Un dos momentos máis agardados alí é a procesión no carro de bois e a característica loita do mouro e o cristián. Amanda Fernández gozará da impresionante procesión das candeas que ilumina a noite nos arredores do santuario dos Milagres do concello ourensán de Baños de Molgas.

Mentres, Noelia Salgado viaxará ata Cangas para presenciar as danzas ancestrais da fermosa romaría que lle dedican á Virxe na parroquia de Darbo. E Belén Vara poderá admirar a devoción coa que milleiros de fieis acoden a Caión, no concello da Laracha, no día da súa emotiva romaría dos Milagres. No programa deste mércores pola noite tampouco pode faltar a Romaría dos Milagres de Amil, en Moraña, toda unha referencia na provincia de Pontevedra.

O menú trouleiro do programa tamén contará coas divertidas Olimpíadas Rurais de Couzadoiro, en Ortigueira, e a Festa da Empanada que celebran no concello de Carral. E ao final haberá unha entrega de premios en que os trouleiros decidirán cales son as mellores romarías dos Milagres: a celebración máis tradicional, a máis musical ou a máis querida por todos os galegos. Así que esta noite, emoción e festa a esgalla no ‘Vaia Troula’.

Fuente Crtvg.es