Os espectadores goazarán esta noite cun maratón de ‘Os Mariachi’, disparatada serie de humor con Morris e Manquiña como protagonistas

0
4

Santiago, 04.12.2019.-     A Televisión de Galicia ofrece esta noite un maratón de ‘Os Mariachi’, unha ficción co humor disparatado como ingrediente principal. Ambientada na comarca do Ribeiro, esta comedia de situación conta o día a día dunha extensa familia ourensá coñecida polo alcume dos Mariachi. Trátase dun variado grupo de persoas de distintas idades e caracteres obrigadas a entenderse e a compartir un espazo común. ‘Os Mariachi’ conta cun destacado elenco de actores galegos, con Manuel Manquiña e Antón Durán ‘Morris’ nos papeis principais.

Na entrega titulada ‘Festa rachada’, achégase a Festa do San Cosme, unha romaría á que o notario lle ten moita devoción. Pero este ano a festa ten un organizador inesperado. En ‘A fuxida’, todas as parellas precisan saír da rutina diaria de cando en vez, e iso é o que van facer os Mariachi: cambiar as súas vidas por un día só para caer na conta de que, pese a todo, teñen motivos para ser felices ou, polo menos, non tan infelices coma o amargado do notario.  

No seguinte sketch, titulado ‘O velorio’, todo Caldelas se despide de Tino (Antonio Durán ‘Morris’) na taberna tras a súa inesperada morte, mentres Lola procura manter en segredo como foi o pasamento. Durante o abellón, aparece por sorpresa Chicho, o irmán de Lola, moi disposto a poñer orde na familia. A continuación, en ‘Chicho Mariachi’, mentres Lola intenta recuperarse da perda, Chicho aproveita para falar co notario e chegar a un acordo beneficioso para ambos os dous. Todos, agás Lola e Suso, sospeitan das perversas intencións coas que Chicho chegou a Caldelas.

Por outro lado, en ‘Amalia’, don Fausto, o dono do concesionario onde traballa Evaristo, namora dunha humilde vendedora de grelos e a familia pensa que o negocio quedará nas mans do home de Conchi. Pero, tal como pasa coas escopetas, o diaño tamén carga as vendedoras de grelos. Na última entrega da noite, baixo o titulo ‘Disco Mariachi’, Lola decide ir de viaxe e deixa, moi ao seu pesar, o bar a Suso, que lle vai dar un cambio radical que vai ser do gusto de todo Caldelas.

Fuente Crtvg.es