Os espectadores gozarán hoxe dun ‘Vaia Troula’ cheo de devoción, paixón e festa rachada desde a Romaría da Virxe da Franqueira

0
43

Santiago, 31.05.2023.-    O ‘Vaia Troula’ (22.35 h) ofrece este mércores pola noite un programa moi especial dedicado á Romaría da Virxe da Franqueira. Neste día, milleiros de devotos acoden en masa ao santuario da Franqueira, no concello da Cañiza, para vivir unha celebración única que tamén é coñecida coma Romaría das Pascuíñas. E alí estará a mestra de cerimonias do programa, Noelia Rey, xunto co equipo de reporteiras.

Para contar todo o que ocorra nunha das romarías máis emotivas e multitudinarias de Galicia, os espectadores poderán gozar dun ‘Vaia Troula’ cheo de devoción, paixón, e, como non, festa rachada. A presentadora e as reporteiras do programa farán un especial esforzo para levar aos fogares galegos a esencia dunha celebración ben enraizada nos corazóns dos devotos.

Noelia Rey estará con todos os peregrinos, coñecerá as súas historias, participará na chegada dos máis de 70 santos que acoden ao santuario da Franqueira e coñecerá de primeira man o fermoso ritual de benvida a todas estas imaxes. E aínda terá tempo para gozar da posterior troula.

Pola súa parte, Tamara Pérez acompañará na peregrinación nocturna os membros da parroquia de Oroso, que este ano foi a encargada de facer a ofrenda á Virxe da Franqueira. Adela Bértolo terá a misión de achegar a milenaria historia da Romaría das Pascuíñas e de descubrir de onde vén a paixón pola Virxe da Franqueira.

Mentres, Noelia Salgado verá como todas as parroquias da contorna preparan os seus santos e engalanan os tractores para a peregrinación ao santuario. E Amanda Fernández fará un divertido percorrido polas múltiples opcións para pasalo en grande despois da gran procesión. O máis salientable é, sen dubida, a gran comida campestre de todos os romeiros.

Fuente Crtvg.es