Os famosos galegos competirán por entrar no ‘Tupper Club’, a nova aposta da TVG para a noite dos martes

0
59

Santiago, 24.04.2022.-    A Televisión de Galicia abre o vindeiro 26 de abril as portas do ‘Tupper Club’, unha exclusiva sociedade gastronómica onde só caben os padais máis refinados. Tres celebrities galegas loitarán cada semana por facerse co triunfo neste divertido concurso, pero ningún deles saberá contra quen compite ata que lle vexa a cara. Farán chegar os pratos aos seus rivais de forma anónima e votaranse entre eles, pero o voto decisivo será o de Álex Iglesias, chef do restaurante Cabanas, en Lalín, e presentador desta nova aposta da Galega para as noites dos martes.

Iglesias convidará cada semana tres personaxes famosos a participar cunha receita referida a diferentes temáticas, como pratos para comer coas mans, grandes clásicos, receitas cun toque doce ou esas comidas que lembran as nais e avoas. O mesmo día e ao mesmo tempo, os concursantes cociñarán desde as súas casas ou desde os lugares onde se atopen, así que haberá de todo: desde grandes receitas ata inmensos desastres que Álex intentará controlar cunha videochamada durante o cociñado. Algúns pediranlles axuda ás nais, outros preferirán amigos e ata se chegarán a vivir reencontros inimaxinables na Televisión de Galicia.

Ao rematar, os concursantes enviaranlles os seus pratos aos seus contrincantes e, despois da degustación, cada un deles elixirá a súa receita favorita, mentres que o presentador, como cociñeiro profesional, tamén valorará as diferentes propostas. Así, en caso de empate, o seu voto valerá dobre e será decisivo para elixir a mellor das receitas, que fará do seu autor un membro honorífico do ‘Tupper Club’, recibindo o máximo premio: ‘O ouro’.

Durante os 13 programas de ‘Tupper Club’, os espectadores da TVG poderán coñecer aspectos persoais das caras máis coñecidas de Galicia. Actrices e actores, presentadores de televisión, deportistas olímpicas, músicos, artesás… Todos e todas gozarán do seu paso polo programa deixando intres ás veces divertidos e outros cheos de tensión. Receitas que se complican, pratos que nacen dun xeito para acabar sendo outro cousa e catas memorables para intentar descubrir baixo a tapa das friameiras serán algún dos divertidos momentos que se vivirán cada martes na Galega.
    
A actriz, presentadora e cantante Eva Iglesias, o xuíz Vázquez Taín e a atleta olímpica Belén Toimil, actual campioa de España de lanzamento de peso, serán os primeiros aspirantes a ingresar neste selecto club, que mestura gastronomía e humor.

Eva vaino intentar cunhas luras con arroz, pero coa dificultade engadida de que recibirá a chamada de ‘Tuper Club’ estando de vacacións e atreverase a cociñar desde un cámping. Taín volverá á súa infancia cun caldo galego cheo de sabores e visitas inesperadas, e Belén vai facer por primeira vez na súa vida o prato estrela da súa vila: o polbo á mugardesa.

Fuente Crtvg.es