Os famosos galegos regresan ao colexio co novo espazo da TVG ‘Os Mellores da Clase’

0
18

Santiago, 22.09.2021.-    Nesta nova temporada, a TVG levará os famosos galegos de volta ao colexio con ‘Os Mellores da Clase’, un programa, presentado por María Mera, que mestura talk show e concurso e que esta noite se estrea na canle pública galega. Por un día, os protagonistas, o público e a audiencia regresarán aos pupitres grazas a este formato que chega a Galicia despois de triunfar en Finlandia, Suecia e Alemaña baixo o nome de ‘Big Class Reunion’.

Cada semana, dous caras coñecidas para os espectadores revivirán experiencias da súa época de estudos e, xunto con algúns compañeiros dese tempo, competirán para acadar o título que lle dá nome ao programa. Ao entrar no estudio, as estrelas de ‘Os Mellores da Clase’ viaxarán ao pasado para atoparse cara a cara cos gustos culturais, deportivos e musicais deses anos. Será un espectáculo cheo de diversión, curiosidades, anécdotas e mitos da súa infancia que lembrará como era Galicia cando eles eran mozos.

Ademais, a través de pequenos xogos, baseados en diferentes materias, amosarán a súa retranca e a faceta máis entrañable da súa personalidade. Asi, repasarán a historia descubrindo os erros en diferentes noticias da súa época de estudantes, lembrarán a letra da música que bailaban nas discotecas, farán cálculos de matemáticas a cinco metros de altura, enfrontaranse a duelos nas mesmas espaldeiras que sufrían nas clases de Educación Física e demostrarán os seus coñecementos en ciencias naturais.

Dous profesores valorarán e puntuarán os famosos en cada proba ata que cheguen ao exame final, onde terán que contestar preguntas nunha mariola xigante. Ademais, ao longo do programa amosaranse vídeos e fotografías inéditas dos famosos cando eran pequenos e con eles e a sua clase lembraranse os feitos máis importantes que pasaban naqueles momentos.

Os protagonistas desta primeira edición do programa serán Eva Iglesias e Alberto Comesaña. Ela quería pasar o tempo da escola cantando e no colexio del o campo de fútbol era de cunchas. Varias décadas máis tarde, a actriz do ‘Land Rober Tunai Show’ e o cantante de Amistades Peligrosas terán que obedecer a María Mera para chegar a ser ‘Os Mellores da Clase’.

Eva e Alberto deberán superar probas físicas, ter axilidade mental, un pouco de desvergoña e, sobre todo, moitas ganas de amosar unha parte deles descoñecida ata o de agora.

Fuente Crtvg.es