Os informativos da TVG, líderes de audiencia en Galicia

0
4

Santiago, 27.11.2019.-  A canle pública galega lidera as audiencias en Galicia tanto de luns a domingo coma de luns a venres no último ano móbil do Estudo Xeral de Medios (febreiro – novembro 2019). A Galega acada unha cota do 14,3% de luns a domingo e dun 14,2% de luns a venres.

A terceira onda do EXM, feita pública este mércores, reflicte a fortaleza dos informativos da Galega. Os datos apuntan que a TVG acada ao longo do día cotas de pantallas do 30,6%, correspondente ao horario do ‘Bos días’, espazo de información e debate que aposta desde febreiro por un novo formato con máis puntos de directo e actualidade informativa. A faixa do mediodía achega tamén datos salientables: o 33,5% do ‘Galicia noticias’ ou o 30,1% do ‘Telexornal mediodía’, co que no conxunto do ano duplica o segundo, e triplica a audiencia do resto de canles.

Pola noite, no prime time o ‘Telexornal serán’ acadou o 15,5%, tamén por diante das canles de ámbito estatal. A información de proximidade da Galega é líder indiscutible na comunidade e conta coa fidelidade da audiencia, como se reflicte neste último informe do ano.

Por días da semana, neste último ano móbil saliéntanse as audiencias medias dos luns (15,1%), os martes (14,6%), os xoves (14,5%) e os domingos (14,8%), días en que a mestura de información coa programación de ficción e entretemento fai que a audiencia elixa maioritariamente as propostas dos medios galegos.

No que respecta aos contidos da Galega, cabe salientar o fito insólito do panorama nacional para unha canle autonómica: o 96% do que se emite na TVG esta feito en Galicia e por galegos, segundo reflicte a Memoria de Servizo Público 2018, presentada en xuño no Parlamento de Galicia.

Fuente Crtvg.es