Os medios públicos galegos ofrecen desde este xoves, e de xeito íntegro, a volta ciclista O Gran Camiño

0
12

Santiago, 22.02.2023.-   Os medios públicos galegos comezan este xoves unha ampla despregadura para dar conta da segunda edición da volta ciclista O Gran Camiño, que se desenvolverá ata o domingo e que levará un pelotón de luxo desde a muralla de Lugo ata a praza do Obradoiro, pasando por lugares tan emblemáticos como o castro de Santa Trega.

O nexo de unión nesta segunda edición da proba, en que os corredores rodarán polas catro provincias galegas e polas distintas vías de peregrinación a Compostela, é a posta en valor do patrimonio histórico galego, co obxectivo de atraer a ollada de cidadáns de todo o mundo sobre Galicia, a través dun deporte que ten milleiros de afeccionados como o ciclismo.

O Gran Camiño suporá o debut na temporada ciclista do danés Jonas Vingegaard, o flamante campión do Tour de Francia 2022, o rival a bater nesta competición de catro etapas.

A primeira delas disputarase este xoves e, cun percorrido de 191 kms, comezará na muralla de Lugo e rematará en Sarria. Poderase seguir en directo, de 13.30 h a 15.30 h, a través da G2, a web g24.gal e a Radio Galega. Nese mesmo horario correrase a etapa do venres 24 de febreiro, de 188 quilómetros, que, desde a histórica localidade fronteiriza de Tui, se adentrará na provincia de Pontevedra. O final estará marcado pola ascensión de segunda categoría ao monte de Santa Trega.

A etapa do sábado, que transcorrerá durante 170 quilómetros por terras de Ourense, ofrecerase en directo a través da primeira canle da TVG, a partir das 15.45 h. A chamada a ser a etapa raíña desta edición discorrerá no seu momento decisivo pola comarca de Valdeorras, unha das máis castigadas pola vaga de lumes do ano pasado.
    
O domingo, unha dura e revirada contra o reloxo de case 18 quilómetros, que se poderá ver na G2 a partir das 14.00 h, poralle o punto e final á carreira na praza do Obradoiro. Con saída en Novo Milladoiro e despois de salvar a dificultade orográfica do alto de Montouto, os segundos que decidirán o podio estarán en xogo a través das históricas rúas de Compostela.

Os xornalistas deportivos Terio Carrera e Carlos Macía, apoiados polos comentarios técnicos do exciclista Álvaro Pino, narrarán cada unha das etapas na Televisión de Galicia.

Programación especial na Radio Galega

O equipo deportivo da Radio Galega tamén ten preparado un amplo dispositivo para contar a Volta O Gran Camiño. Pedro Pablo Alonso capitanea o equipo de locutores e especialistas que narrarán os catro días da carreira galega. Rodrigo Pérez, Millán Gómez, Martiño Suárez e Xabier Rodríguez Campos achegaranlles aos oíntes todo o que suceda nas catro etapas.

As páxinas webs radiogalega.gal e g24.gal/deportes ofrecerán íntegros estes programas especiais. O xoves e o venres comezarán ás 13.30 h, mentres que o sábado a emisión arrancará ás 16.00 h e o domingo, ás 13.00 h. Ademais, pola FM, os oíntes terán ampla información nos espazos ‘Ao Contraataque’, ‘Galicia en Goles’, ‘Galicia por Diante’ e ‘A Crónica’.

Fuente Crtvg.es