Os medios públicos galegos ofrecen esta fin de semana deportes tradicionais, fútbol de Primeira RFEF e o Motocrós das Nacións

0
17

Santiago, 23.09.2022.-    Os deportes tradicionais volven esta fin de semana aos medios públicos galegos, que o sábado ofrecerán en directo, ás 16.30 h, a Copa Xunta de Galicia de Chave. A partir das 20.00 h, os espectadores poderán ver o acontecido na Copa Xunta de Galicia de Billarda.

Entre medias, ás 18.00 h, a G2 e a web da CRTVG retransmitirán en directo o derbi de máxima rivalidade entre o Celta B e o Deportivo, correspondente á quinta xornada do Grupo I de Primeira Federación. Tras o seu empate na casa ante o Pontevedra, o equipo coruñés visita Balaídos, que estrea céspede, para enfrontarse ao filial celeste, que a fin de semana pasada gañou o seu primeiro encontro da temporada en Ceuta. Nos seus catro cruzamentos anteriores, todos na categoría de bronce, ambos os dous conxuntos presentan un balance equilibrado, pero sen empates nos seus choques.

Non será este o único partido de Primeira Federación que se poderá ver esta fin de semana nos medios públicos, que estarán o domingo en directo, ás 17.00 h, no Estadio de Pasarón, onde se vivirá un duelo poucas veces visto: o que medirá o Pontevedra C. F. coa Balompédica Linense. Só unha vez en toda a historia os dous equipos compartiron campionato. Foi na campaña 86-87, cun grupo único en Segunda División B. A cita chega en momentos anímicos diferentes para os dous. Mentres os granates fano con 5 puntos, reforzados polas súas boas actuacións contra o Alarcón e, sobre todo, fronte ao Deportivo en Riazor, a Balompédica só sumou dous puntos ata a data, froito de senllos empates.

A fin de semana rematará con motocrós, coa retransmisión do Monster Energy FIM Motocross of Nations. Os grandes nomes da escena mundial danse cita nos Estados Unidos para disputar unha nova edición do MX das Nacións. Este evento congrega 34 seleccións nacionais e cada unha delas aliñará tres pilotos. Jorge Prado lidera un ano máis o combinado español nesta cita internacional. O lucense rematou a temporada de MXGP en terceiro lugar, despois de varias lesións e infortunios que minguaron o seu rendemento, pero parece chegar aos Estados Unidos totalmente recuperado e aspira a todo este domingo. Ao seu carón estará o vigués Rubén Fernández, co que compartiu grella esta campaña. As distintas carreiras ofreceranse en directo ás 19.00, ás 20.30 e ás 22.00 h.

Fuente Crtvg.es