Os medios públicos galegos poñen o sábado a súa atención no baloncesto e no fútbol sala e o domingo, no fútbol de 2ªB e 3ª

0
0

Santiago, 22.11.2019.-    As retransmisións deportivas desta fin de semana nos medios públicos galegos comezarán o sábado ás 17.00 h, cando tanto a G2 coma a web da CRTVG retransmitirán o derbi galego de baloncesto entre o Leche Río Breogán e o Marín Ence Peixe Galego. O anfitrión sitúase no sexto posto da clasificación da LEB Ouro e acumula ata o momento 5 vitorias en 9 partidos disputados. Pola súa parte, o Marín non gañou máis que un partido esta temporada e é pechacancelas na clasificación.

Despois do baloncesto, a atención estará posta no pavillón da Malata, onde a partir das 19.00 h se disputa a gran festa do fútbol sala galego, co derbi entre os dous equipos que compiten na máxima categoría: o Parrulo Ferrol e o Pescados Rubén Burela. Con 11 puntos, os ferroláns miran aos postos de Copa, mentres que os burelenses aínda son pechacancelas, con soamente cinco.

A xornada dominical será un monográfico de fútbol na segunda canle da Galega. Ás 12.00 h, ofrecerase en directo o partido da 14ª xornada de 2ª B entre o R.C. Celta B e a U.D. Ibiza. Neste partido, os vigueses buscarán acabar coa súa mala racha en Barreiro, onde marcharon de baleiro en cinco dos 6 partidos disputados. Pola súa parte, o Ibiza sairá a por unha vitoria que lle permita afianzarse nos postos de promoción de ascenso a Segunda División. Durante a disputa deste encontro, estableceranse conexións con outro duelo galego – eivisenco, neste caso de Terceira División: S.R.C. Peña Deportiva – Pontevedra C.F.

Xa pola tarde, dentro de ‘A Liga das Cidades’, será protagonista o partido C.D. Choco – Ourense C.F. Tamén se establecerá un carrusel con outros campos de Terceira División para seguir en directo o transcurso dos encontros Arousa S.C. – Alondras C.F., U.D. Paiosaco – S.D. Compostela e C.S.D. Arzúa – C.D. Barco.

Fuente Crtvg.es