Os mellores cociñeiros e cociñeiras do Salnés e do Morrazo enfróntanse en ‘Come a comarca. As batallas’

0
2

Santiago, 27.01.2021.-  Esta semana, ‘Come a comarca. As batallas’ (23.25 h) mergúllase gastronomicamente nas Rías Baixas para atopar as mellores cociñeiras e cociñeiros do Salnés e do Morrazo. Ambas as dúas comarcas forman parte das 16 que cada semana se enfrontan nas cociñas do programa para facerse co premio final. Ademais do orgullo de ser o equipo e a zona que mellor cociña do país, están en xogo 20.000 euros en premios. 5.000 levaraos quen chegue ata o final e 15.000 irán ao peto dos gañadores.

O presentador do espazo da TVG, Fran Cañotas, terá que esforzarse para dar cos concursantes que mellor representen o facer culinario destes territorios comarcais. Así, no Salnés, coñecerá o marisqueo a pé na confraría do Grove e verá de preto a cría de mexillóns nas bateas de Mariscos Laureano, na ría de Arousa. O Morrazo non queda atrás nin en peixe nin en marisco e unha boa mostra de todo o que ofrece o Atlántico poderase ver na Lonxa de Cangas. E, como non todo o que se come sae do mar, e a cabra dise que tira ao monte, cataranse os queixos da Meixoeira, feitos con leite de cabra e que atesoran premios internacionais.     

Rematada a tarefa do recrutamento, será o momento de encender o lume na maior competición gastronómica da Televisión Galicia. Os equipos do Salnés do Morrazo medirán as súas forzas nas cociñas de ‘Come a comarca. As batallas’ cun único obxectivo: rematar a tempo o menú proposto polos xefes de salgados e doces do programa, Gerson Iglesias e Manuel Garea. Non faltarán os atrancos que compliquen as receitas e inesperadas visitas incómodas que porán a proba os nervios da audiencia. Será un emocionante enfrontamento que gañará aquel que conquiste o xurado nunha cata a cegas. 15 expertos culinarios probarán as elaboracións e o mellor sabor imporase. Quen pasará á seguinte fase e loitará despois por ser a mellor comarca da provincia de Pontevedra fronte á xa clasificada do Baixo Miño?     

O Salnés estará capitaneado por David Pérez, do restaurante D’Berto, no Grove; e contará con Álvaro Fuentes e Sandra Gómez, da Taberna Meloxeira, da mesma localidade. Sabino Montes, do Restaurante Sabino de Sanxenxo e o seu axudante Pablo Casas completan a formación.

Pola súa parte, O Morrazo estará liderado por Guti Soliño, de Pandemillo Taberna; Juan Souto, cociñeiro en La Curva de Nerga; Rubén Fernández, de Heladería La Fiorentina, e Sandra Fernández, do restaurante Chinchorro, todos eles en Cangas. Gloria Gera, do Aturuxo Bar de Bueu, é a quinta e última integrante.  

Fuente Crtvg.es