Os membros do ‘Larpeiros Social Club’ irán hoxe polo mar e a montaña na busca de marabillas gastronómicas

0
11

Santiago, 12.05.2020.-   Hai países enteiros que non teñen mar. Seica son máis de 40, como Suíza ou Mongolia. E outros, como Dinamarca, non teñen nin unha soa montaña. Son planos, como unha filloa. En Galicia, en cambio, hai de todo e será por iso polo que somos algo tímidos, como para disimular e que non se saiba que o verdadeiro paraíso está aquí agochado, deste lado do Courel e dos Ancares.

Percorrer o noso país sempre é unha aventura e se non que llo digan aos membros do ‘Larpeiros Social Club’ (22.30 h) e especialmente a Merchi, que hoxe irá ata Friol para montar a cabalo, ir en carro e coñecer un gandeiro con gran tradición familiar. Pola súa parte, Adrián sairá ao mar cunha das cociñeiras galegas máis recoñecidas, Bea Sotelo, e xuntos intentaran pescar algunhas xardas para logo facer con elas unha empanada.

Mentres, no club, os ‘larpeiros’ irán enredando o día entre olas e perolas, porque cociñar un estufado como debe ser leva o seu tempo. Ademais, non faltarán músicos de grande prestixio e Larpeiros de Honra, como Benigno, que salvará o día e fará as delicias de todos coa súa visita sorpresa.

Fuente Crtvg.es