Os momentos máis curiosos e divertidos da historia da TVG, en boca dos seus protagonistas, hoxe en ‘Telepaixón á Galega’

0
2

Santiago, 20.11.2019.-   Con motivo do Día Internacional da Televisión, a TVG ofrece esta noite ‘Telepaixón á Galega’, un especial que percorrerá a historia da canle pública galega desde os seus inicios ata a actualidade. Presentado pola xornalista Olaya Rivas, mesturará entrevistas a rostros moi coñecidos para a audiencia con material de arquivo do máis sorprendente.

Con ‘Telepaixón á Galega’, os espectadores gozarán cos momentos máis divertidos e curiosos e repasarán os espazos que marcaron unha época, a ficción en galego máis lembrada por todos, os grandes eventos retransmitidos pola televisión, as actuacións máis míticas, etc. Primando o humor, que sempre caracterizou este medio, o programa trasladará as vivencias, os aspectos humanos e as anécdotas máis destacadas dos 34 anos de historia da TVG.

‘Telepaixón á Galega’ contará cos testemuños dos pioneiros das primeiras retransmisións televisivas en galego, como son os ex-compañeiros de TVE Galicia Xoán Barro e Tareixa Navaza, así como con algunhas das facianas máis coñecidas da TVG, como Mon Santiso, Pemón Bouzas, Xosé Ramón Gayoso, Xosé Manuel Piñeiro ou Ovidio González. Uns e outros contarán a odisea de poñer en marcha unha televisión e as múltiples anécdotas froito da primitiva tecnoloxía da época.

Olaya Rivas tamén falará con actores coñecidos polos espectadores da Galega, como Isabel Blanco, Víctor Fábregas, Manuel Manquiña, Sergio Pazos, Marta Doviro… Con eles, a audiencia saberá da importancia do humor e da ficción na televisión galega. Tamén se conversará con outros presentadores coñecidos dos deportes da TVG, como Benito Cores e Terio Carrera; con compañeiros de ‘O Tempo’, como Diego Viaño, e cos presentadores de programas informativos e culturais Susana López, Pilar García Rego, Xosé Henrique Rivadulla Corcón, Juanillo Esteban (a voz do Xabarín), etc.

Da man de todos eles, saberase que hai detrás de frases tan populares como “as cousas do directo” ou falarase, entre outras cousas, do papel crucial que tivo a TVG na normalización do galego. Pero, ademais, terán o seu espazo os outros grandes protagonistas desta historia colectiva, que son os espectadores anónimos. ‘Telepaixón á Galega’ coñecerá a súa percepción da televisión en Galicia e saberá como chegou a televisión ás súas vidas, cales son os programas que máis lembran e os momentos máis importantes vividos a través do medio.

Fuente Crtvg.es