Os partidos Andorra-Lugo e Depor-Leonesa, protagonistas do ‘Galicia en Goles’ do domingo, que lle dará voz á cativada, no marco da Semana coa Infancia de UNICEF

0
21

Santiago, 17.11.2022.-    Volven as ligas de fútbol e baloncesto tras o paro da fin de semana pasada, pola Copa do Rei e as ventás de clasificación da selección española. O venres, desde as 20.30 h, a primeira edición da semana do programa da Radio Galega ‘Galicia en Goles’ analizará cos protagonistas os principais partidos do sábado e do domingo para os equipos galegos.

O sábado, a partir das 15.00 h, a atención estará posta no fútbol cos partidos Pontevedra-Fuenlabrada, Bergantiños-Ourense C. F. e Lugo B-Zamora. Ademais, haberá cita co baloncesto ACB no Multiusos Fontes do Sar, onde o Obradoiro recibe o Unicaja de Málaga. Durante este día, a Radio Galega ofrece diferentes edicións do proxecto #GaliciaEnXogo. Na primeira, ás 13.00 h, Alfonso Pardo visita a Fundación Abrente Enki, na Coruña. Logo, ás 15.15 h, os xogos electrónicos terán o seu espazo dentro do ‘Galicia en Goles’, que dedicará a última hora, de 23.00 a 00.00 h, ao mundo do motor e á información dos deportistas galegos que preparan os Xogos de Toquio.

Xa o domingo, a edición matinal comezará ás 11.45 h cos partidos de Primeira RFEF Linense-Rácing de Ferrol e Celta B-Rayo Majadahonda, xunto aos encontros adiantados da Terceira RFEF. Pola tarde, desde as 15.00 h, o programa destacará a Liga de Segunda Profesional co Andorra-Lugo e a cita da Primeira RFEF en Riazor entre o Deportivo da Coruña e a Cultural Leonesa. O baloncesto, mentres, estará presente nun evento especial nas webs da Radio Galega e G24.gal coa retransmisión ás 20.00 h do Granada-Breogán de Lugo, da Liga ACB. A partir das 23.00 h, os analistas de ‘Ao Contraataque’ visitarán o programa para debater sobre os resultados dos equipos galegos.

A deste domingo será unha edición moi especial de ‘Galicia en Goles’, xa que lle dará voz á infancia, no marco da XII Semana coa Infancia de UNICEF, que conta co apoio da CRTVG. Así, Julia, de 9 anos e de Redondela, entrevistará, xunto ao xornalista Tony López García a Susana Rodríguez Gacio, médica e campioa paralímpica de tríatlon.

As emisións de ‘Galicia en Goles’ pódense escoitar a través da FM e TDT, ademais da opción ‘visualradio’ na canle de Youtube e nas webs de Radio Galega e G24.gal/directos.

Fuente Crtvg.es