Santiago, 21.09.2023.- A xornada deportiva desta fin de semana vai durar catro días na programación da Radio Galega. O venres, ás 20:30 h, o ‘Galicia en Goles’ daralles cobertura ás ligas de balonmán e baloncesto cos partidos das categorías feminina Guardés-Oviedo, Porriño-Xixón e Valencia-Celta.
O sábado, desde as 15:00 h, o interese pasará polo Barça-Celta, no Olimpic de Montjuic. Os afeccionados que teñan previsto seguilo por Movistar Fútbol teñen a opción de escoller a emisión da RG nas canles de audio do seu televisor. Outro punto de directo estará en Riazor, co Deportivo-Cornellá, da Primeira RFEF. O Real Sociedade B-Lugo e os encontros adiantados da Segunda e Terceira RFEF completarán a axenda futbolística. No polideportivo destaca o comezo da Liga ACB, co Obradoiro-Palencia, que chegará a través das plataformas radiogalega.gal e g24.gal/deportes.
Ademais das retransmisións deportivas, o sábado é o día dedicado ao proxecto #GaliciaEnXogo. A primeira entrega chegará ás 13:00 h desde Monterrei, co programa dedicado ao equipo de fútbol da vila. De 23:00 a 00:00 h, na última hora do día, compartirán protagonismo a información do motor e a actualidade dos deportistas galegos que preparan os Xogos de París 2024.
Xa o domingo, a edición matinal comezará ás 11:45 h co fútbol da Segunda e Terceira Federación en xogo. Desde as 15:00 h, ademais destas dúas categorías, haberá unha ampla despregadura en Balaídos co Celta Fortuna-Arenteiro, da Primeira RFEF. Mentres o fútbol tomará a FM, nas plataformas dixitais radiogalega.gal e g24.gal/deportes haberá baloncesto, co Breogán-Baskonia, da Liga ACB. Aqueles afeccionados que sigan a retransmisión de Movistar teñen a opción de escoitar a emisión en galego, a través dos audios do seu televisor.
O luns haberá unha edición extraordinaria de ‘Galicia en Goles’, coa retransmisión a partir das 20:30 h do partido da Segunda División Profesional entre o Rácing de Ferrol e o Real Zaragoza. Ás 23:00 h, cando remate o xogo, o programa ‘Ao Contraataque’ abrirá mesa de debate e ofrecerá as comparecencias dos adestradores e dos dous mellores xogadores sobre o terreo de xogo.
Fuente Crtvg.es