Os partidos Celta-Osasuna e Alxeciras-Deportivo, protagonistas no ‘Galicia en Goles’ desta fin de semana

0
22

Santiago, 03.11.2022.-    Catro días vai durar a xornada deportiva desta fin de semana na grella da Radio Galega. A primeira edición do ‘Galicia en Goles’ chega na noite do venres, de 20.30 a 00.00 h, coa retransmisión desde o pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra do partido da Liga Asobal de balonmán entre o Cisne e o Bidasoa.

O sábado, desde as 15.00 h, o programa estará centrado na estrea do novo adestrador do Celta, Carlos Carvalhal, ante o Osasuna en Balaídos. Outros eventos destacados son o Alxeciras-Deportivo e o Badaxoz-Celta B, da Primeira RFEF, xunto ao Obradoiro-Gran Canaria da Liga ACB de baloncesto.

O sábado é o día do proxecto #Galicia en Xogo. Ás 13.00 h, Alfonso Pardo visita o concello de Coles, onde conviven dous clubs deportivos: o Barra de Miño e o Coles. Ás 15.15 h, Anxo Tato e Antón Vieites seguirán presentando os galegos que compiten nos xogos electrónicos. E de 23.00 a 00.00 h, a última hora do deporte reparte emocións entre o mundo do motor e a información dos galegos que preparan os Xogos de París 2024.

O domingo, a edición matinal do programa principiará ás 11.45 h co Castela-Pontevedra, da Primeira RFEF, desde o Alfredo Di Stefano. Pola tarde, ás 15.00 h, a atención estará posta na Malata, co Rácing de Ferrol-Unionistas, da Primeira RFEF, xunto á xornada de Segunda e Terceira RFEF. A partir das 20.00 h, o baloncesto tomará o protagonismo co Breogán-Valencia, da Liga ACB. Tras a competición, ás 23.00 h, ‘Galicia en Goles’ recibirá a visita dos especialistas de ‘Ao Contraataque’ para analizar os resultados dos equipos galegos.

Esta xornada prolongarase na Radio Galega ata o luns, xa que o Lugo abre a semana recibindo o Cartaxena no Anxo Carro. Desde as 20.30 h, o equipo deportivo da Radio Galega despregará un ampla cobertura para contar este partido, en que o cadro galego necesita a vitoria para fuxir da zona perigosa da Segunda División.

‘Galicia en Goles’ chega aos oíntes a través de diversas plataformas. Ademais de na FM e a TDT, o programa pódese escoitar por radiogalega.gal e aplicacións para o móbil de G24.gal/deportes. Ademais, os partidos do Celta e do Lugo poden escoitarse nas canles de audio das televisións posuidoras dos dereitos de emisión.

Fuente Crtvg.es