Os partidos Lugo-Levante e Fuenlabrada-Deportivo serán protagonistas no ‘Galicia en Goles’ deste domingo

0
36

Santiago, 24.11.2022.-    A última fin de semana do mes de novembro vén chea de deporte para os oíntes da Radio Galega. O venres, desde as 20.30 h, Paco Santos conduce a primeira edición do ‘Galicia en Goles’ para analizar en profundidade o calendario dos equipos galegos nas principais competicións de fútbol, baloncesto e balonmán.

O sábado, a partir das 15.00 h, o programa prestará atención ao San Fernando Isleño-Celta B, da Primeira RFEF, e no segundo treito ao Breogán-Tenerife, da Liga ACB de baloncesto. Ademais, o derbi galego de balonmán entre o Porriño e o Guardés será outro dos argumentos principais, xunto á xornada do Mundial de Qatar.

O proxecto da CRTVG #GaliciaEnXogo terá durante o sábado tres pases. O primeiro será ás 13.00 h, coa visita de Alfonso Pardo a Ribadavia para darlles voz aos clubs Mizukami e Kaizen de karate. O segundo, ás 15.15 h, dedicado aos galegos que compiten nos xogos electrónicos. Por último, de 23.00 a 00.00 h, a terceira entrega estará dedicada ás informacións do mundo do motor e dos olímpicos galegos que preparan os Xogos de París 2024.

Xa o domingo, a edición matinal de ‘Galicia en Goles’ comezará ás 11.45 h e prolongarase ata as 14.30 h coa retransmisión dos encontros Ceuta-Pontevedra, da Primeira RFEF, e Murcia-Obradoiro, correspondente á Liga ACB de baloncesto. Tras ‘A Crónica’, ás 15.00 h volverá o deporte ás emisións da Radio Galega ata a 1 da madrugada. O primeiro argumento será o Lugo-Levante, da Segunda División Profesional, coa estrea de Fran Justo no banco galego. Logo chegará o fútbol da Primeira RFEF, co Fuenlabrada-Deportivo e o Rácing de Ferrol-Mérida, para rematar no último treito da tarde co España-Alemaña do Mundial de Qatar. A partir das 23.00 h visitarán o programa os especialistas de ‘Ao Contraataque’ para debater sobre os resultados dos equipos galegos.

A emisión de ‘Galicia en Goles’ chega a través de múltiples plataformas. Á convencional, da FM, súmanse a TDT, radiogalega.gal, G24.gal/deportes e a aplicación para o móbil, onde tamén se pode ver o streaming para poñerlles cara ás voces radiofónicas. Ademais, esta xornada os seareiros do Lugo e do Breogán que vexan os partidos por Movistar terán nas opcións de audio a retransmisión da Radio Galega.

Fuente Crtvg.es