Os playoff de ascenso de 2ª RFEF e Terceira División, protagonistas esta fin de semana na oferta deportiva dos medios públicos galegos

0
6

Santiago, 20.05.2022.-    As fases finais dos playoff de ascenso nas categorías inferiores do fútbol español serán protagonistas esta fin de semana nas emisións deportivas dos medios públicos galegos.

Pero a primeira cita será co balonmán. O sábado ás 19.00 h xógase, en directo na G2, o partido C. B. Cisne Los Sauces-F. C. Barcelona B, da División de Honra Prata. Trátase do compromiso máis importante da temporada para o equipo pontevedrés, xa que pode significar o seu regreso á máxima categoría nacional. O Cisne precisa que o Pavillón Municipal de Pontevedra sexa un fervedoiro que dificulte o xogo dun rival que non é o máis cómodo para certificar un ascenso á Asobal.

Á mesma hora ofrecerase, en directo a través da web da CRTVG (en diferido, o domingo ás 11.00 h na G2) outro encontro crucial para un equipo galego: o Club Ourense Baloncesto, que se xoga o ascenso á LEB Ouro ante un Básket Navarra que busca o mesmo premio. O conxunto dirixido por Guillermo Arenas chega a este partido de volta do playoff con oito puntos de vantaxe.

O fútbol chegará ás 20.30 h coa retransmisión do R. C. Celta B-Rácing de Ferrol. Case dous meses despois, o Celta B regresa a Balaídos para disputar o seu penúltimo partido de Liga, unha cita decisiva en que defenderán o seu posto de promoción de ascenso contra un dos mellores equipos da Primeira Federación.

Ás 22.15 h será a quenda do fútbol de Terceira División coa final do playoff de ascenso entre o Ourense C. F. e a A. D. Llerenense, a cita máis agardada do ano para o conxunto ourensán, a última eliminatoria da fase de ascenso á 2ª RFEF. Para chegar á final nacional, os pacenses derrotaron na primeira eliminatoria territorial o Xerez e, na final, o Moralo. Pola súa parte, o Ourense C. F. gañoulle ao C. D. Barco na final do playoff rexional, tras impoñerse nas semifinais ao Fabril.

Xa o domingo, a partir das 16.30 h, os espectadores poderán ver o partido da France Ligue, disputado o sábado, entre o PSG F. C. e o Metz F. C., un duelo que dará por rematada a competición francesa.

Finalmente, ás 19.30 h ofrecerase a semifinal polo ascenso a Primeira RFEF que disputarán a SCR Peña Deportiva e o Coruxo F. C. O equipo da localidade eivisenca de Santa Eulalia será o primeiro atranco que o conxunto vigués terá que superar se quere ascender á terceira categoría do fútbol español. A escuadra balear finalizou en terceira posición a fase regular do grupo III, só por detrás do Espanyol B e do Numancia. Pola súa parte, o Coruxo pasou de estar na zona de descenso a finais de decembro a escalar ata o cuarto lugar da clasificación.

Fuente Crtvg.es