Os playoffs de ascenso a Segunda División, esta fin de semana en directo nos medios públicos galegos

0
14

Santiago, 02.06.2023.-    Nova e emocionante fin de semana de fútbol nos medios públicos galegos, coas retransmisións dos partidos dos equipos galegos implicados nos playoffs das distintas categorías.

Así, o sábado, desde as 16:30 h, a G2 conectará co estadio de Balaídos, onde a partir das 17:00 h se xoga o  R. C. Celta B- C. D. Eldense, partido de ida do playoff de ascenso a Segunda División. O filial vigués pechou a fase regular en Primeira Federación como quinto clasificado no grupo 1 e agora intentará o asalto á categoría de prata do fútbol español.

A esa mesma hora (17:00 h), en directo pola web da CRTVG, poderá seguirse o partido da terceira eliminatoria de ascenso a Segunda RFEF entre o F. C. La Calzada e o Rácing Vilalbés. O conxunto chairego chega sen vantaxe a terras rioxanas, xa que no partido de ida, pese a adiantarse no marcador, cedeu un empate ante o seu rival.

Ás 18:30 h, exclusivamente a través de crtvg.gal, ofrecerase en directo o primeiro partido da semifinal polo título da Primeira División de fútbol sala feminino entre o Poio Pescamar e o Burela, unha serie ao mellor de tres encontros e co factor cancha a favor das pontevedresas. O conxunto local quere facer historia e o seu obxectivo é gañar a liga despois de quedar este ano en segunda posición, o seu mellor posto nos 75 anos do club. E quere escribir unha nova páxina a costa do Burela, ao que se enfrontará por quinta vez esta temporada. A última foi o sábado pasado para pechar a liga, cunha vitoria das de Luís López-Tulla.

Ás 20:00 h será a quenda para o fútbol feminino, co partido de ida da eliminatoria de ascenso a 1ª División entre o Granada C. F. e o Deportivo Abanca. O equipo galego chega á cita tras superar o Cacereño en semifinais, aproveitando a vantaxe despois de quedar por enriba na liga regular. Esa mesma vantaxe, que fai que o empate tras prórroga no partido de volta lle sirva ao mellor clasificado, teraa de novo ante o conxunto andaluz, un rival que non se lle deu mal esta temporada, pero que buscará repetir o fito conseguido polo equipo masculino a semana pasada e conseguir un novo ascenso.

Na xornada do domingo, volve o campionato do mundo de Motocrós, co MXGP de Letonia, do que tanto a G2 como a web da CRTVG ofrecerán en directo a primeira manga ás 13:00 h e a segunda, ás 16:00 h. Trátase da oitava proba do mundial e disputarase no circuíto de Kegums. A última rolda, celebrada en Francia, deixou a Jorge Prado máis líder da clasificación de pilotos. O lucense viña acusando o empuxe do seu principal rival polo título, o pentacampión do mundo Jeffrey Herlings, nas pasadas carreiras, pero puido ampliar a súa vantaxe grazas aos problemas do seu rival na segunda carreira de Villars-Sous-Écot.

E a fin de semana deportiva rematará ás 19:00 h coa retransmisión do partido de ida do playoff de ascenso a 2ª entre o Deportivo e o Castelló, dous equipos con moita historia, que debutaron en Primeira División en 1941 enfrontándose en Riazor e coincidiron moitos anos en Segunda, pero que non se cruzan desde 1989.

Fuente Crtvg.es