Os ritmos do grupo Efecto Pasillo e o fado da cantante María do Ceo enchen esta noite o escenario de ‘Bamboleo’

0
7

Santiago, 20.11.2021.-    ‘Bamboleo’ (22.45 h), o espazo de entretemento dos sábados pola noite na Televisión de Galicia, contará nesta ocasión cos ritmos do grupo canario Efecto Pasillo, o fado da cantante María do Ceo e a música máis festiva da orquestra Olympus.

Universo’ é o título do novo sinxelo de Efecto Pasillo, un adianto do novo disco do grupo, que constitúe un canto de celebración da vida e á divulgación científica. Despois de celebrar dez anos de carreira musical cunha recompilación de éxitos e colaboracións con diversos artistas do panorama musical español, Efecto Pasillo xa está preparando un novo traballo para o ano que vén. Esta noite, os canarios interpretarán outros temas ben coñecidos, como ‘Pan y mantequilla’ e ‘Cuando me siento ben’, coa alegría e a positividade que os caracteriza.

Este sábado tamén estará no ‘Bamboleo’ a artista María do Ceo, que acaba de publicar o seu último traballo, ‘Vai de roda’, unha homenaxe á fadista portuguesa Amália Rodrigues. Pola súa parte, a orquestra Olympus traerá unha mostra do seu espectáculo ‘Red Tour’.

O tempo de baile do ‘Dirtidansi’ terá como protagonista a parella formada por Barito e Lisa, dous mozos que chegan desde a costa mediterránea para amosar o seu dominio dos ritmos urbanos e latinos.

No ‘Agora ou Nunca’, Adriana Grille e David Castro cantarán os éxitos ‘Daría’, de La Quinta Estación, e ‘Imposible’, de Luís Fonsi. No karaoke de ‘A Jrileira’ mediranse o Club de Fútbol Mandiá de Ferrol e o Barro C. F.

Mentres Claudio Pan e Tamara Pérez poñen a proba os convidados cos seus xogos, Isi contará as súas vivencias persoais máis divertidas. E para acabar xogando, chegará a proba máis picante e sexy do Bamboleo: ‘A ITV do Amor’.

Fuente Crtvg.es