Os servizos informativos da CRTVG realizarán este mércores unha ampla cobertura do cumio hispano-alemán que se celebra na Coruña

0
18

Santiago, 04.10.2022.-    A CRTVG fará este mércores unha destacada cobertura informativa do cumio hispano-alemán que se celebra na Coruña. Así, desde primeira hora, os programas da Televisión de Galicia ‘Bos Días’ e ‘A Revista’ e o ‘Galicia por Diante’ da Radio Galega contarán con puntos de directo en distintos lugares da cidade herculina para  relatar as horas previas a este encontro internacional.

Os informativos de mediodía da televisión e da radio tentearán os últimos preparativos de ambos os dous executivos de cara á reunión. Os espectadores tamén poderán seguir neles o minuto a minuto das incidencias de seguridade e tráfico que previsiblemente condicionarán a xornada na Coruña e nos seus arredores.

A conferencia de prensa do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e do chanceler alemán, Olaf Scholz, prevista para as 19.30 h, unha vez rematadas as reunións e as sinaturas dos acordos correspondentes, poderá seguirse integramente e en directo a través do portal informativo g24.gal.

Ademais, Marcos Sueiro, redactor xefe da TVG, copresentará desde a cidade herculina o ‘Telexornal Serán’, a partir das 20.30 h.

Neste cumio hispano-alemán, que comezará ás 16.30 h coa recepción de autoridades en Palexco, Sánchez e Scholz estarán acompañados por 15 ministros. No encontro analizaranse os grandes asuntos da axenda europea e bilateral, como a crise enerxética, a guerra en Ucraína, as tensións inflacionistas, a crise alimentaria, a transición ecolóxica e a reforma do mercado enerxético europeo, entre outros.

Fuente Crtvg.es