Paisaxe, emoción e aventura, no novo programa da TVG ‘Imos Navegando’, que percorrerá cada sábado as rutas marítimas e fluviais galegas

0
125

Santiago, 02.04.2022.-    Co novo programa ‘Imos Navegando’, que se estrea este sábado pola tarde (20.00 h), a TVG emprende unha aventura, guiada por Rubén Prieto, que viaxará arredor de Galicia percorrendo rutas marítimas e fluviais.

A experiencia comezará en Baleira, en Lugo. Desde alí, farase o camiño ata Ribadeo para logo, ao longo de 14 etapas, percorrer a bordo do barco do programa, o Eureka, todo o litoral galego ata A Guarda. Desde alí, ‘Imos Navegando’ remontará o Miño ata o seu nacemento e chegará de novo ao punto inicial: o nacemento do Eo.

Esta nova aposta da TVG ofrecerá unha nova visión dos acantilados, das fantásticas illas, dos faros espectaculares, das praias de película e dos lugares incribles que forman a xeografía galega. Este itinerario amosará unha visión nova e diferente do patrimonio natural e arquitectónico, visto desde o mar e desde o río.

En cada etapa, Rubén irá acompañado por un convidado diferente (actores, músicos, deportistas…). Nas etapas de mar, tamén estará Charly, o patrón do Eureka, e, nas etapas de río, a caravana será unha compañeira máis de viaxe. Os convidados vivirán unha xornada que dificilmente esquecerán e o programa aproveitará a viaxe para saber máis deles, rir, chorar, emocionarse e vivir novas experiencias, facendo actividades de aventura e navegando en canta cousa hai.

No primeiro programa, Rubén Prieto viaxará a bordo do Eureka, acompañado da actriz e presentadora Belinda Washington, para facer a ruta entre Ribadeo e Cariño. Pasarán por lugares que deixan sen respiración, como o Fuciño do Porco, falarán da carreira da actriz, dunha experiencia recente da que aínda quedan pegadas e, ao final do día, gozarán dunha experiencia para repetir: unha viaxe nun barco a vela.

Fuente Crtvg.es