Pimpinela celebra en ‘Luar’ corenta anos de éxitos cos temas do seu novo disco

0
11

Santiago, 26.11.2021.- O coñecido dúo Pimpinela regresa esta noite a ‘Luar’ (21.55 h), en plena celebración dos seus corenta anos de traxectoria, éxitos e cancións coreadas por todas as xeracións seguintes. Os irmáns Lucía e Joaquín Galán, que volven cun novo traballo para conmemorar a súa carreira musical, presentarán algúns destes temas, amais de despedirse do público da Galega coa súa icónica ‘Al compás de una muiñeira’, que compuxeron en homenaxe a nosa terra.

Outro dos pratos fortes desta edición será Danny Daniel, artista de grande éxito desde os anos 70 en España e América Latina. O popular cantante e compositor asturiano interpretará ‘El vals de las mariposas’ e ‘Por el amor de una mujer’, dúas das súas baladas de maior prestixio.

Xosé R. Gayoso e Trisha Fernández darán paso, amais, ás actuacións da cantante e compositora brasileira, afincada en Portugal, Vivian Lima, e aos galegos Fania Blanco Show, á agrupación folclórica A Pontevella, ao Grupo Tania Veiras, e ás orquestras Trébol e Salsarena.

No que respecta ás intervencións humorísticas, hoxe o programa gozará coas propostas do versátil Rafa Durán; Os Ramistas, dúo formado por Pedro Brandariz e Fran Rei; e Carmen, Gelines e don José, personaxes aos que dan vida Carlos Sante, Pablo Sánchez e Xaquín Domínguez.

Adrián Blanco (Terras de Compostela) e Marta Pacín (Terra Chá) competirán esta noite no certame ‘Recantos’. E pola súa parte, o concurso telefónico disporá este venres dun bote acumulado de 1.500 euros.

Fuente Crtvg.es