Premio no Festival de Sevilla para ‘Nación’, película de Margarita Ledo participada pola CRTVG

0
6

Santiago, 16.11.2020.-   O Festival de Sevilla concedeulle a ‘Nación, un sitio onde pousar a cabeça’, da directora galega Margarita Ledo, o Premio Especial á mellor dirección de película española que tivese a súa estrea nacional ou mundial no certame. ‘Nación’ foi unha das películas apoiadas pola CRTVG no seu paquete de medidas extraordinarias para contrarrestar os efectos da Covid-19 no sector audiovisual e creativo.

Esta longametraxe documental, producida por Nós Productora Cinematográfica Galega, é unha proposta de autor con marcado carácter feminino: a vida da protagonista é a vida das mulleres galegas que conseguen facerse un oco na sociedade industrial ao longo do século XX. Baseada na loita das operarias da fábrica de cerámica A Pontesa, que pechou en 2001 en Ponte Sampaio (Pontevedra), a película mestura arquivo documental con testemuños destas mulleres na actualidade e escenas ficcionadas.

O xurado do Festival de Cine Europeo de Sevilla valorou que “este complexo traballo de investigación histórica ofrécese como unha precisa alegación a favor da memoria das mulleres galegas que traballaron nas fábricas da incipiente modernización do século XX e que despois sufriron as consecuencias da reconversión industrial”. Tamén fixo especial mención ao tratamento sonoro da película, que “sen dúbida, é crucial para afirmar, aínda máis, o impresionante valor das imaxes que compoñen o documental”.

Todo isto, nunha edición do Festival de Sevilla en que ‘Malmkrog’, do director romanés Cristi Puiu, obtivo o Giraldillo de Ouro á mellor película.

Tras facerse público o galardón, Margarita Ledo deulles as grazas ao festival e ao equipo que formou parte da película e dedicoulle o galardón “a elas, ás expulsadas do traballo, condenadas de novo ao silencio, á esfera doméstica, por dicir ‘non, grazas!’”.
       
O Festival Cineuropa, que se celebra estes días en Santiago de Compostela, ofrecerá  este mércores a estrea en Galicia desta película e tamén premiará a directora galega pola súa traxectoria.

Fuente Crtvg.es