Primeiro venres de verán en ‘Luar’, coa música de Ana Torroja, La Década Prodigiosa, La Ocaband e Luís Queimada

0
16

Santiago, 25.06.2021.-  Este venres continúan as emocións en ‘Luar’ (22.00 h), coas fases eliminatorias e as actuacións decisivas nos distintos certames artísticos do programa. En ‘O mellor década casa’, tras gañar Luís Iglesia a primeira semifinal fronte a María Mera, esta noite intentarán facerse cun posto na final Sergio Pazos, que representa os anos 50 e interpretará ‘A bamba’, e Manuel Manquiña, na década dos 60, cantará ‘Delilah’. No camiño ás semifinais, o concurso de talentos ‘Recantos’ despedirá nesta edición 4 concursantes. Nesta competición, hoxe buscarán obter a mellor puntuación: Jioa, procedente de Terras de Lugo, e Yago Martínez, de Terras de Pontevedra.

No apartado musical, Ana Torroja, a que fora vocalista de Mecano, grupo formado xunto aos irmáns José María e Nacho Cano, acode esta noite a ‘Luar’ para presentar o seu novo tema ‘Hora y cuarto’, co que regresa aos escenarios tras a pandemia. A artista interpretará, amais, algunhas das cancións máis aplaudidas da recoñecida banda de éxito da movida madrileña, que se desfixo en 1998 tras vender máis de 25 millóns de discos en todo o mundo.

O ambiente festivo, neste primeiro programa do verán de ‘Luar’, continuará coas propostas da orquestra La Ocaband e de La Década Prodigiosa. Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez daranlles a benvida aos integrantes de ambas formacións, que se caracterizan por achegar diversión e espectáculo en cada unha das súas actuacións.

Por último, o recoñecido músico pontevedrés Luís Queimada dará renda solta esta noite ao seu gusto pola música melódica. E Paco e Pepe achegarán boas doses do seu mellor humor e, no concurso telefónico, os espectadores poderán facerse hoxe co bote de 11.000 euros de premio.

Fuente Crtvg.es