Programa especial de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’, en que os espectadores coñecerán a traxectoria dos cinco finalistas

0
95

Santiago, 23.09.2023.-    Previo á gran final de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’, a TVG ofrecerá esta noite o especial ‘O teu favorito non vai gañar’ (22:30 h), en que se repasará a traxectoria no programa dos cinco concursantes que conseguiron chegar á gran final. Nela competirán cinco voces apadriñadas por tres das mellores orquestras de Galicia: Panorama, París de Noia e Olympus.

Selu López, un todo terreo da canción que entrou arrasando, e Simón O Pérez, capaz de romper de emoción todo un xurado, foron, programa tras programa, alternando o título de favoritos. Cara á metade irrompeu Begoña García e, coa potencia da súa voz, o seu foi chegar e gañar. Daniel Gigirey é garantía de festa e espectáculo. Dono e señor do show, anima o público coma ninguén. A quinta finalista de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ é Miriam Agraso. Aválana a súa voz elegante e un estilo propio capaz de facer súa cada canción.

Así pois, cinco artistas moi distintos enfrontaranse a semana que vén na final, pero só unha destas voces pode gañar. O xurado ten claro que nesta edición non se pode dar nada por feito e que pode haber sorpresa. O programa xuntaraos para sacarlles toda a información. Pili Pampín, Iago Pico, Roi Casal e Lucía Pérez contarán case todo dunha final disputada e emocionante como poucas.

Xuntos irán debullando os puntos fortes e febles de cada candidato e confesarán se entre eles houbo máis consenso ou enfrontamentos á hora das valoracións. Tamén  comentarán as anécdotas e as historias máis divertidas, como a preparación das versións de temas moi coñecidos interpretadas por eles, ou momentos inesquecibles desta temporada, como o día que Pili Pampín saíu bailar en zapatillas.

Fuente Crtvg.es